A asociación de estudantes CES UVigo presenta o primeiro barco solar da universidade

Vigo TecnolóxicoActualidadeA asociación de estudantes CES UVigo presenta o primeiro barco solar da universidade
Integrantes de CES UVigo presentan o barco solar Boeiro I

O pasado  mércores a asociación estudantil CES UVigo presentou o barco solar Boeiro I na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións. O Boeiro I, un trimarán de seis metros de eslora e dous de manga, é o primeiro barco propulsado mediante enerxía solar da Universidade de Vigo, e conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico. Este proxecto naceu hai tres anos, e actualmente o equipo de CES Uvigo (“Clean Energy Ship”) involucra a unha vintena de alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico: Telecomunicación, Industrial e Minas e Enerxía.

 

Lorena Gil e Marcos Pardeiro tomaron a palabra para explicar de primeira man como se desenvolveu este proxecto. Participaron tamén no acto a directora da E.E. de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e o adxunto do reitor para a Sostibilidade, Jacobo Porteiro;  así como as empresas patrocinadoras, con Bruno Lema, de Marine Instruments, e Patricia Malaver, de Sicnova; o Consorcio Zona Franca de Vigo, da man de Ana Mejías, e a Xunta de Galicia, coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

 

Particularidades do navío

O reto non era doado: conseguir un trimarán propulsado exclusivamente por enerxía solar. Grazas á tenacidade do alumnado artífice do proxecto foi posible superar os atrancos que experimentou o proxecto ao longo do seu desenvolvemento para chegar a bo porto.

O barco toma o seu nome do illote menor no arquipélago das Cíes, e está construído principalmente en fibra de carbono, escumas de alta densidade e, en menor medida, madeira. Na cuberta leva 6 m2 de paneis solares, con 386 células en 12 paneis construídos integramente polo equipo. Están elaborados en fibra de vidro, máis lixeira có vidro convencional ao tempo que conserva a rixidez necesaria.

A potencia dos paneis está limitada a 1,5 kWh, en cumprimento da normativa das distintas competicións europeas. O paquete de baterías, que emprega soldadura por puntos, é tamén de elaboración propia.

Emprega un sistema de navegación que eleva o casco por riba da auga, coñecido como “hidrofoils”: son pezas que funcionan, en certo sentido, como ás dun avión, pero van mergulladas, e así sosteñen a estrutura por enriba da auga cando se alcanza certa velocidade.

“Se a esta eficiencia hidrodinámica se lle suma a xeración solar podemos chegar a desenvolver un prototipo de embarcación completamente independente dos combustible fósiles, un desafío ao que nos teremos que enfrontar nos vindeiros anos”, explica Pardeiro, responsable do equipo.

Futuro financiamento para competición

Desde os inicios de CES UVigo o Energy Boat Challenge de Mónaco está nas mentes de todas aquelas persoas que pasaron polo equipo. Os atrancos veñen en forma de necesidades de financiamento, tanto para trasladar barco e persoal ata o principado monegasco como os gastos derivados da estadía alí. Porén, sen renunciar polo momento a competir en Mónaco, fixan a súa mirada tamén noutras competicións europeas máis en ruta a efectos loxísticos e de posibilidades de aloxamento máis económicas.

 

Fonte: Duvi