Imaxe: Un instante da entrevista coa investigadora Aida Díez Sarabia (Duvi)
A “Cámara Aberta” do CINTECX trouxo ao primeiro plano a necesidade dunha carreira científica máis compatible coa vida familiar
O proxecto reflexiona sobre como os coidados e a vida familiar inflúen na carreira investigadora
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, CINTECX, acolleu o pasado venres unha nova edición de “Cámara aberta CINTECX ás mulleres e homes STEM”. Trátase dunha iniciativa de concienciación en materia de xénero coa que o centro de investigación busca visibilizar a realidade persoal e profesional do persoal investigador. Os obxectivos esenciais son promover a igualdade de xénero e a conciliación nos ámbitos científico e tecnolóxico.
O evento, organizado en coincidencia coa recente celebración do Día dos Homes pola Igualdade (21 de outubro), permitiu coñecer os testemuños de mulleres e homes investigadores do CINTECX. Nas distintas gravacións en vídeo amosaron como integran carreira profesional e vida persoal. Identificáronse barreiras, diferenzas e elementos de mellora que promoven a toma de conciencia e a implicación da comunidade científica. O evento estivo financiado pola Unidade de Igualdade.
Unha mirada comparativa en busca de oportunidades de mellora
A directora do CINTECX, Ángeles Sanromán Braga, inaugurou a xornada cun vídeo resumo que abriu o debate sobre os retos pendentes e as oportunidades de mellora.
“Cámara aberta CINTECX ás mulleres e homes STEM” contou cos testemuños de trece investigadores e investigadoras, co propósito de coñecer como xestionan as súas responsabilidades familiares, as tarefas do fogar e os coidados, e cal é e influencia destes ámbitos coa súa traxectoria científica.
Sanromán puntualizou que na primeira edición do evento a experiencia das mulleres investigadoras foi a protagonista, mentres que nesta segunda tamén se achegaron os testemuños dos homes para obter unha visión máis completa e comparativa. Contribúese así a buscar oportunidades de mellora e unha maior sensibilización en materia de xénero dentro da comunidade científica, en palabras da directora do CINTECX.
Tras a directora do centro, Carmelo Morales Pérez, enxeñeiro industrial en Emenasa e representante do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, abordou os retos da conciliación na contorna industrial, destacando a necesidade de políticas que favorezan a corresponsabilidade e a igualdade de oportunidades.
Moitos desafíos e algúns avances
Christian Gil Pereira, investigador do grupo GTE, compartiu a súa experiencia persoal dentro da iniciativa Cámara Aberta, achegando unha visión íntima sobre como compatibiliza a súa carreira científica coas responsabilidades familiares e os coidados.
Seguidamente, Mar Fernández Cendón, técnica da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, presentou as iniciativas sobre corresponsabilidade e conciliación e falou en profundidade da iniciativa Homes de coidado, que busca implicar aos homes na corresponsabilidade e visibilizar o seu papel nos coidados.
Un dos momentos centrais da xornada foi a mesa redonda “Conciliación e carreira investigadora. Identificando barreiras e aspectos de mellora”. Foi moderada por Ángeles Sanromán Braga en participaron Carmelo Morales Pérez, de ICOIIG; Marta Pazos Currás, do CINTECX; Christian Gil Pereira, tamén do CINTECX; e Mar Fernández Cendón, da Unidade de Igualdade.
Abordáronse barreiras estruturais como o impacto da maternidade na carreira investigadora, a esixencia dunha dedicación extrema que moitas veces impide desconectar, a elevada temporalidade dos contratos e a falta de recoñecemento dos coidados máis aló da maternidade e paternidade, como o coidado de persoas maiores ou enfermas. Tamén se sinalou que, a día de hoxe, son maioritariamente as mulleres quen se acollen á redución de xornada, e que os horarios e a distribución da docencia seguen condicionando as posibilidades reais de conciliación.
Marta Pazos afirmou que a flexibilidade no ámbito investigador, lonxe de facilitar a conciliación, pode converterse nunha trampa, pois faltan planificacións que permitan separar vida laboral e persoal, e os horarios docentes moitas veces se estenden da mañá ata a noite.
Carmelo Morales coincidiu en que a flexibilidade trouxo avances, pero advertiu que o teletraballo dilúe os límites entre fogar e traballo, o que pode xerar novas tensións. Christian Gil, pola súa parte, defendeu a necesidade de protexer institucionalmente os tempos de coidado. De aí que Mar Fernández Cendón insistiu en que o traballo desde a casa non se debe confundir cunha medida de conciliación, e tamén na necesidade da desconexión dixital.
Porén, tamén se recoñeceron avances importantes nos últimos anos, como a ampliación da baixa de paternidade, a redución da carga docente nos primeiros anos de maternidade, a aplicación de medidas correctoras na avaliación de publicacións científicas durante os dous primeiros anos de maternidade ou a implantación de horarios flexibles na maioría dos casos.
A mesa redonda concluíu cunha chamada colectiva a seguir avanzando cara a unha investigación máis humana, que recoñeza os tempos vitais e promova unha cultura de corresponsabilidade real, onde homes e mulleres se impliquen como axentes de cambio.
Máis información



