A Cátedra Oesía da UVigo outorga os seus primeiros premios a TFG, TFM e tese doutoral

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Cátedra Oesía da UVigo outorga os seus primeiros premios a TFG, TFM e tese doutoral
Francisco Miguel González Castro, Luis López Valcárcel e Raúl Estévez Gómez cos seus diplomas de gañadores dos premios da Cátedra Oesía-UVigo.

Imaxe: Francisco Miguel González Castro, Luis López Valcárcel e Raúl Estévez Gómez cos seus diplomas de gañadores dos premios da Cátedra Oesía-UVigo. Máis á esqueda da imaxe, Óscar Rubiños e María Graña. E máis a dereita, Ana Vázquez Alejos e Natalia Caparrini (Duvi).

A Cátedra Oesía da UVigo outorga os seus primeiros premios a TFG, TFM e tese doutoral

Os tres premiados son alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

A pasada semana a Cátedra Oesía fixo entrega dos seus primeiros premios a mellor tese de doutoramento, mellor Traballo de fin de máster (TFM) e mellor Traballo de Fin de Grao (TFG), que foran convocados o pasado verán.

A mellor tese foi a de Luis López Valcárcel, quen, durante cinco anos de investigación, buscou unha solución ao desafío técnico que supón o intercambio de información entre radares e vehículos: resulta esencial para mellorar a seguridade viaria, mais a alta mobilidade dos vehículos e a saturación da canle supoñen un desafío técnico constante.

Pola súa parte, Francisco Miguel González Castro levou o premio ao mellor TFM por unha investigación que optimiza a transformada rápida de Fourier, cálculo matemático esencial para que os dispositivos xestionen datos a gran velocidade, permitindo que radares e futuras redes 6G sexan más rápidas e eficientes no consumo de recursos.

Finalmente, Raúl Estévez Gómez recibiu o premio ao mellor traballo fin de grao polo deseño dun amplificador para chips fotónicos que iguala o rendemento de equipos comerciais actuais, pero moito máis económico.

Ao acto de entrega dos galardóns da Cátedra Oesía-UVigo, que está codirixida polos docentes e investigadores da Universidade de Vigo Óscar Rubiños López e Ana Vázquez Alejos, acudiron a vicerreitora de Estudantes da universidade, Natalia Caparrini Marín, e a directora de Innovación e Tecnoloxía de Inster (Grupo Oesía), María Graña Varela. Destacaron a importancia de incentivar o talento en sectores clave como o satelital, as radiocomunicacións e as futuras redes 5G/6G.

Transporte intelixente

Luis López Valcárcel, gañador do premio á mellor tese, explica como na súa investigación traballou aspectos relacionados coa aplicación de sistemas de radio a contornas automobilísticas. As tecnoloxías de transporte intelixente teñen a capacidade de mellorar dous aspectos críticos da circulación por estrada: a seguridade viaria e a eficiencia enerxética, tanto en motores de combustión como eléctricos. Como exemplo, o radar de automoción, que permite detectar obstáculos, incluso con néboa e chuvia, e tamén facilita o chamado platooning (tamén coñecido como “trens de estrada”), que se refire á circulación de varios camións en convoi con distancias de separación moi curtas. Para isto é preciso que os vehículos intercambien datos entre si ou coa infraestrutura pola que circulan, de xeito que se poida crear unha imaxe en tempo real da contorna de circulación.

Luis López Valcárcel explica que estes sistemas enfróntanse a dificultades como que alta mobilidade dos vehículos dificulta o uso eficiente das bandas de frecuencia necesarias para o intercambio de información, ou que cantos máis vehículos con radar hai, maior posibilidade de interferencias. O seu traballo consistiu en salvar estes inconvenientes, e ademais de facer implementacións reais publicou os resultados en repositorios en liña, co que a súa investigación é reproducible por outras persoas investigadoras.

Optimización de redes 5G/6G

Francisco González Castro explica, pola súa parte, que o seu TFM consiste en optimizar a implementación da transformada rápida de Fourier (FFT, por Fast Fourier Transform), unha operación  matemática fundamental en telecomunicacións. No seu proxecto, González implementou esta operación adaptándoa a unha arquitectura de hardware moi concreta e optimizándoa, tanto en tempo coma en uso de recursos. A pesar de estar deseñada para un tipo específico de dispositivo, explica que é unha mostra de como se pode aproveitar esta tecnoloxía para mellorar en rendemento e eficiencia.

Amplificador fotónico máis asequible

Por último, o TFG premiado, de Raúl Estévez Gómez, consistiu no deseño e construción dun amplificador que converte a luz detectada por un chip fotónico nun sinal eléctrico utlizable, cun rendemento similar ao de equipos comerciais que teñen un custo unhas 100 veces superior.

Os premios a mellor tese, mellor TFM e mellor TFG levan tamén unha dotación económica de 1250, 800 e 500 euros, respectivamente.

Máis información

Duvi