A Cátedra R en Ciberseguridade, gañadora do premio CIBER.gal

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Cátedra R en Ciberseguridade, gañadora do premio CIBER.gal
Ana Fernández Vilas sostén o premio CIBER.gal á Cátedra R en Ciberseguridade

Imaxe: Ana Fernández Vilas sostén o galardón acompañada de representantes de R e da UDC (Duvi)

A Cátedra R en Ciberseguridade, gañadora do premio CIBER.gal

Está impulsada pola empresa R e polas universidades de Vigo e da Coruña

O pasado mércores, a Cátedra R en Ciberseguridade foi distinguida co premio CIBER.gal á mellor iniciativa dirixida ao tecido empresarial. Recoñécese así o seu impulso para reforzar a ciberseguridade no ecosistema empresarial galego. Esta cátedra está promovida pola empresa R, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña.

Recolleu o premio Susana Rey, da Oficina de Privacidade de R, durante a primeira xornada de CIBER.gal 2026, o encontro galego de ciberseguridade da administración económica a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Acompañárona María Llorente, de marketing de empresas de R, e os directores da cátedra, Ana Fernández Vilas, da UVigo e Carlos Dafonte, da UDC. Rey, quen recolleu o galardón no nome de R e das dúas universidades, agradeceu o traballo destas ao longo dos oito anos de traxectoria da cátedra.

Unha colaboración que nace en 2018

A Cátedra R en Ciberseguridade naceu en 2018, desde o inicio co apoio de R, a UVigo e a UDC. O pasado ano revalidou a súa andaina e a colaboración directa das dúas universidades con R no eido da seguridade dixital.

A cátedra mantén os seus principais obxectivos: captar talento TIC en informática, intelixencia artificial aplicada ao negocio e ciberseguridade, sen deixar de lado a formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación. Actualmente está a facer fincapé en promover a innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica na empresa. A súa actividade combina premios académicos, prácticas curriculares, obradoiros especializados, xornadas de innovación, competicións técnicas, programas STEM ou espazos de encontro entre estudantes, persoal investigador e empresas.

Ao longo da súa traxectoria, máis de 500 estudantes participaron en actividades formativas e divulgativas da cátedra, con máis de 20 accións de divulgación técnica e social, máis de 15 premios académicos concedidos e 9 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares desenvolvidas na empresa. Fomentou a colaboración entre entidades coma CITIC, atlanTTic, Gradiant, Microsoft, Finsa, Imatia, Hijos de Rivera e outras relevantes do eido galego da innovación.

Programa de bolsas

Outro elemento clave na cátedra son as prácticas curriculares e extracurriculares: son bolsas anuais para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico e da Facultade de Informática da UDC, dirixidas a alumnado de grao e máster. Poden incluír a realización dun traballo de fin de grao ou de fin de máster (TFG ou TFM). A finalidade é capacitar profesionalmente o alumnado facendo esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dunha titora ou titor académico do centro onde cursan os seus estudos. Bolsas e prácticas supoñen o 70% da dotación económica da Cátedra R, co 30% restante dedicado a actividades de divulgación, visibilidade e fortalecemento institucional.

A Cátedra R consolidouse, ademais, como referente en Galicia organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose en CIBER.gal a partir de 2021. Tamén participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach.

Máis información

Duvi