A Cátedra R en Ciberseguridade renova o seu convenio por catro anos

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Cátedra R en Ciberseguridade renova o seu convenio por catro anos
Asistentes á sinatura da renovación da Cátedra R en Ciberseguridade

Imaxe:  Ana Fernández Vilas, directora da cátedra en delegación do reitor da UVigo; Manuel Reigosa Roger, reitor da UVigo; Alfredo Ramos, director de MasOrange en Galicia; Ricardo Cao Abad, reitor da UDC; e Carlos Dafonte Vázquez, director da cátedra pola UDC (Duvi)

A Cátedra R en Ciberseguridade renova o seu convenio por catro anos

O 70% da dotación económica destínase a bolsas e prácticas do alumnado

Esta semana revalidouse o acordo para a continuidade da Cátedra R en Ciberseguridade. Foi asinado polos reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa Roger e Ricardo Cao Abad, e o director de MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos. O convenio é por catro anos prorrogables, e ratifica a colaboración conxunta das institucións académicas co operador de telecomunicacións no eido da seguridade dixital.

Reigosa salientou a importancia da continuidade da cátedra e valorou “a incorporación ás súas actividades do fomento da investigación e innovación en tecnoloxías intelixentes e proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa”. O reitor Cao destacou o papel da cátedra nunha área tan relevante como as TIC, mentres que Alfredo Ramos celebrou a renovación do convenio e valorou a implicación dos directores de cátedra.

A cátedra foi pioneira hai sete anos para avanzar en ciberseguridade e agora retoma os seus obxectivos: a captación de talento TIC en informática, intelixencia artificial aplicada ao negocio e ciberseguridade. Todo isto sen deixar de lado a formación, a investigación, a transferencia tecnolóxica e a divulgación. Como novidade, porase especial énfase no fomento da innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa

Bolsas de prácticas

As prácticas curriculares e extracurriculares en R foron desde os inicios da cátedra, hai 7 anos, un dos seus piares. Tanto é así que o 70% da dotación económica destínase a estas bolsas e prácticas. O 30% restante emprégase en actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.

As bolsas son anuais e están dirixidas ao alumnado de grao e máster da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e da Facultade de Enxeñaría Informática da UDC. Inclúen a posibilidade de realizar na empresa o Traballo de Fin de Grao ou de Fin de Máster (TFG ou TFM) baixo titorización desde o centro de estudos. Este mesmo mércores celebrouse unha reunión nas oficinas de R con alumnado e persoal titor da Cátedra R en Ciberseguridade para avaliar os proxectos que desenvolverán nos próximos meses.

Premios aos mellores traballos en ciberseguridade

Paralelamente á sinatura para a continuidade do proxecto, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu a entrega dos premios da Cátedra R en Ciberseguridade, que distinguiu traballos de fin de máster, fin de grao e teses doutorais relacionados coa vulnerabilidade dos dispositivos IoT (Internet of things, ou Internet das cousas), sistemas de autenticación dixitais ou de acceso por radio aberta. Entre os premiados, os estudantes da EET Inés Ortega Fernández (premio á mellor tese doutoral) e Pedro Otero García (mellor TFM).

Outras iniciativas que consolidan esta cátedra como referente en Galicia son eventos como cybersec@gal, integrado en ciber.gal desde 2021. Tamén participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach. Do mesmo xeito, promóvense retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións científicas e divulgativas.

As cifras de 7 anos de cátedra

Desde que a cátedra leva en funcionamento, máis de 500 estudantes participaron en actividades formativas e divulgativas. Foron realizadas máis de 200 destas accións divulgativas, entre charlas, hackatons e mesas redondas. Tamén se entregaron máis de 15 premios académicos a TFM, TFG e teses, creáronse 4 contratos indefinidos a partir de prácticas curriculares, máis de 150 persoas participaron na competición de ciberseguridade C3TF de 2024, 265 estudantes nas Olimpíadas de Teleco 2024 e máis de 200 estudantes STEM Bach en actividades preuniversitarias.

Máis información

Duvi

Cátedra R en Ciberseguridade

Blog MasOrange