A Cátedra Telefónica amosa a alumnado de enxeñaría como conquistar o mercado do Internet das cousas

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Cátedra Telefónica amosa a alumnado de enxeñaría como conquistar o mercado do Internet das cousas
Inauguración do workshop da Cátedra Telefónica

Na imaxe, en pé: o director de la Cátedra Telefónica-Universidade de Vigo, José Cidrás; o responsable de Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso; a vicerreitora de Estudantes e Emprego, Natalia Caparrini; e o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña (Duvi)

A Cátedra Telefónica amosa a alumnado de enxeñaría como conquistar o mercado do Internet das cousas

Organizou un obradoiro sobre deseño, estratexia e comercialización de tecnoloxías conectadas

A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo celebrou o workshop “Da idea comercializadora: deseño de produto e modelo de negocio para solucións IoT” este pasado mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Nel amosouse ao alumnado do centro as fases e procesos para converteren unha idea nun produto IoT (Internet of Things, ou Internet das Cousas) para comercializar.

Un total de 40 estudantes participaron nesta actividade, que foi impartida polo equipo de Innovación e Novos Negocios de Telefónica Tech, unidade de negocios dixitais de Telefónica. É líder en integración de sistema e tecnoloxías avanzadas de ciberseguridade, cloud, big data ou IA e está presente en 175 países.

Da idea ao negocio

No transcurso do taller, que combinou formación teórica e práctica, as alumnas e alumnos desenvolveron unha solución IoT completa desde a perspectiva dunha empresa B2B (Business to Business; de negocio a negocio). Afrontaron aspectos técnicos e estratéxicos á hora de definir o produto. Tamén o modelo de negocio e a súa comercialización, incluíndo a simulación dunha presentación a potenciais inversores. Foi unha sesión intensiva, de 3 horas de duración, que fomentou a adquisición de novas actividades, a xeración de ideas e a resolución de problemas a través de dinámicas grupais.

Manuel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España, salientou na apertura da actividade que o desenvolvemento de  ferramentas de conectividade para empresas é un dos campos onde existe unha maior demanda na actualidade. Destacou tamén a complexidade de identificar e desenvolver a idea de negocio. Estivo acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Emprego, Natalia Caparrini; o director da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, José Cidrás, e o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña.

Unha traxectoria de doce anos

Telefónica constituíu a súa cátedra na Universidade de Vigo hai 12 anos. Fíxoo co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Está dirixida polo catedrático José Cidrás Pidre, e desenvolve talleres e conferencias dirixidas ao alumnado (Arduino, xornada smart energy-smart city, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs, entre outros). Tamén participou no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for good.

Máis información

Duvi

Cátedra Telefónica-UVigo