A Cátedra Telefónica analiza a industria galega do futuro

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Cátedra Telefónica analiza a industria galega do futuro
O director da Cátedra Telefónica, José Cidrás, con representantes da empresa

Imaxe: o director da cátedra, José Cidrás (segundo comezando pola esquerda) con representantes de Telefónica (Duvi)

A Cátedra Telefónica analiza a industria galega do futuro

Debateuse sobre o impacto das tecnoloxías de vangarda dos modelos produtivos

O pasado venres a Cátedra Telefónica reuniu na Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico a representantes dos ámbitos universitario e empresarial na xornada “Conectividad inteligente para la industria del mañana”. Ao longo da mañá un público formado principalmente por estudantes puido asistir a conferencias, mesas redondas e demostracións para coñecer como a conectividade intelixente e as infraestruturas dixitais están a transformar o presente e o futuro do tecido industrial galego, con tecnoloxías como intelixencia artificial, 5G, o Internet das cousas (IoT) ou os macrodatos (big data).

No acto de apertura da xornada participaron David Álvarez, vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Vigo; José Fariña, director da Escola de Enxeñaría Industrial e Manuel Ángel Alonso, director de Territorio Norte de Telefónica España. Os tres destacaron o contexto de fonda transformación tecnolóxica que estamos a vivir, no que a conectividade é esencial para a industria do futuro. Redefine os modelos produtivos e impulsa contornas máis eficientes, flexibles e sostibles, onde os datos e a intelixencia son o principal activo competitivo.

Universidade, tecnoloxía e industria

O vicerreitor David Álvarez salientou que o tema tratado na ágora xa non é un asunto do futuro, senón do presente. Afirmou que na fábrica hiperconectada os datos son unha materia prima máis, que hai que saber interpretar, protexer e sacarlles o máximo partido, coa vantaxe competitiva que isto supón. Así e todo, o vicerreitor de infraestruturas tamén quixo fixarse no factor humano; nas súas palabras “a tecnoloxía por si soa non transforma nada, fano as persoas que saben empregala, cuestionala e mellorala, por iso o papel a Universidade é máis importante ca nunca: formar talento, xerar coñecemento e transferilo ás empresas”.

Manuel Ángel Alonso, director de Territorio Norte de Telefónica España, salientou que xornadas coma esta unen tres ámbitos que teñen que camiñar xuntos, como son a universidade, a tecnoloxía e a industria, especialmente no momento actual de transformación tecnolóxica. Alonso coida que o reto está en conectar a investigación coa empresa, o talento emerxente cos novos empregos e a tecnoloxía cos problemas reais da industria.

José Fariña, director da Escola de Enxeñaría Industrial, foi o terceiro en intervir, destacando a relación entre universidade e empresa.

Mesas redondas, debate e demostracións tecnolóxicas

Trala inauguración, a primeira das mesas redondas estivo centrada na conectividade intelixente para a industria do mañá. Estivo moderada polo director executivo de Optare Solutions e presidente do Grupo Marsan, Luis Álvarez-Sestelo. Participaron os catedráticos da Universidade de Vigo Carlos Prado e Felipe Gil; o responsable de proxectos de Innovación en Procesos de Stellantis Vigo, Juan José Areal; e a responsable de IA do Territorio Norte de Telefónica, Alba Meijide.

O programa seguiu coa conferencia sobre xemelgos dixitais, IA física e robotización do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), con Víctor Alonso, Javier Vázquez Jorge, Iria Galiñanes e Ángel Dacal.

A xornada rematou con demostracións tecnolóxicas de condución autónoma e interacción cun robot humanoide, da man do director de Negocio e Operacións en Brain4Mobility, Diego Bernárdez, e do responsable da área Humanoides e IA do CTAG, Andrés Paradela.

Este encontro coincide coa celebración do 125 aniversario da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, referente na formación de enxeñeiros e na transferencia de coñecemento cara ao tecido produtivo; así como os 50 anos dos estudos superiores nesta escola. Á lista da efemérides súmanse o 25 aniversario a Rede de Cátedras Telefónica, que impulsa a colaboración entre universidade e empresa para acelerar a adopción de tecnoloxías disruptivas e o desenvolvemento do talento dixital.

Máis información

Duvi
Cátedra Telefónica-UVigo