A ciberseguridade sobresae nas IV Olimpíadas de Teleco

Vigo TecnolóxicoActualidadeA ciberseguridade sobresae nas IV Olimpíadas de Teleco
Unha das presentacións das IV Olimpíadas de Teleco na EET

Imaxe: unha das presentacións das IV Olimpíadas de Teleco na EET (Duvi)

A ciberseguridade sobresae nas IV Olimpíadas de Teleco

A fase galega da súa IV edición celebrouse, de novo, na EET

O pasado venres a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu, unha vez máis, a fase galega das Olimpíadas Nacionais de Teleco, ou Teleco Games. Máis de 200 estudantes de 24 centros de ESO, bacharelato e formación profesional de toda Galicia amosaron, nos corredores, e presentaron, no salón de actos do centro, os seus proxectos para esta cuarta edición do certame. Como novidade, nesta ocasión tiveron que incorporar a ciberseguridade. Ben no propio proxecto, ben no seu desenvolvemento, mediante a adquisición de boas prácticas de protección de contrasinais, actualización de software ou de hardware, entre outras accións. Como de costume, os proxectos presentados deben estar aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Aínda que na fase nacional hai unicamente unha categoría para todos os cursos da ESO (ademais das de bacharelato e de ciclos formativos de grao medio e superior), a directora da EET, Rebeca P. Díaz Redondo, sinala que decidiron dividila en dúas: 1º e 2º de ESO e 3º e 4º. A intención é facer máis xusta a competición e incentivar aínda máis o interese do alumnado máis novo polas tecnoloxías da información e das comunicacións.

Premios para os primeiros, segundos e terceiros grupos clasificados

Nesta ocasión, os premios foron para o CPR Montecastelo (Vigo) na categoría de 1º e 2º de ESO; Colexio Sagrada Familia (Aldán) na de 3º e 4º de ESO; IES Isaac Díaz Pardo (Sada) na de bacharelato; e o Colexio Hogar Afundación (Vigo) en formación profesional. Estes vencedores enfrontaranse o vindeiro mes aos mellores equipos nacionais que resultaron vitoriosos nesta primeira fase na vintena de escolas de enxeñaría de telecomunicación de todo o estado que participan nas olimpíadas.

Cada un dos equipos gañadores recibiu un premio de 400 euros máis outros 400 para o seu centro educativo. Os segundos clasificados obtiveron 300 euros e, os terceiros, 200.

A directora da escola quixo tamén agradecer ao profesorado dos distintos niveis preuniversitarios e FP o seu interese na competición. “Sen a súa participación, sería imposible ter este número de estudantes e proxectos”, afirmou.

Cara a final estatal

As Olimpíadas Nacionais de Teleco naceron en 2023 co propósito de promover as telecomunicacións, a cultura científica, a tecnoloxía e a innovación entre o alumnado. Están organizadas por COITT/AEGITT (Colegio Oficial/Asociación Española de Graduados e Ingenieros Técnicos de Telecomunicación) e CODIGAT (Conferencia de Directores de escuelas con Grados de Ingeniería en el Ámbito de Telecomunicación). Os prototipos presentados están baseados en plataformas compatibles co contorno de programación de Arduino. A linguaxe de programación e plataforma son de libre elección.

A final estatal da categoría de ESO será entre o 13 e o 15 e maio; a de FP, 18 e 19; e a de bacharelato celebrarase entre o 20 e o 22 de maio.

Máis información

Duvi

Olimpíadas de Teleco