Imaxe: desenvolvemento dunha proba da pasada edición (Duvi)
A Competición de Robots da EEI prepara novidades para a súa 9ª edición
O vindeiro RobotFriday será o 17 de abril
A Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico abre a inscrición para unha nova edición ao tempo que anuncia novidades: entre elas, substitución da proba “velódromo mareante” por “varredor de cebra”, modificacións na proba “sigue liña marchoso”, sorteos de kits e regalo dunha réplica do tapete da competición para as 25 primeiras inscricións. A cita, o 17 de abril na sede campus da EEI.
Pero iso non é todo; Juan Pardo Froján, docente e investigador do Departamento de Organización de Empresas e Márketing e ex director da EEI, anuncia que a vindeira edición contará co desenvolvemento en paralelo do primeiro reto Compyrobot, en colaboración coa empresa Binarial. Nel participarán estudantes e docentes dunha decena de centros que tomaron parte na pasada edición. Entre os meses de outubro de 2025 e febreiro de 2026 teñen que mapear unha ruta de cando menos 20 metros dentro das instalacións dos seus centros e percorrela programando do xeito máis eficiente o robot móbil Compy, de Binarial.
Inscrición aberta
O prazo de inscrición abriuse o pasado luns, e en poucas horas rexistráronse xa 40 solicitudes. Pódese inscribir alumnado de ESO, Bacharelato, FP, universidade e outras titulacións oficiais. Aínda que a organización coida que é complicado facer unha previsión logo, ademais, da boa resposta da pasada edición co décimo aniversario da competición, agarda acadar unhas cifras ao redor de 100 equipos e 500 participantes. Así e todo, o obxectivo non é bater ningún récord, senón propiciar “unha xornada na que estudantes e docentes poidan pór a proba o seu talento e compartir unha experiencia enriquecedora e fomentar as disciplinas STEM”.
Arduo traballo de organización que paga a pena
Tras oito edicións, a organización desta competición, coñecida tamén como RobotFriday, admite o gran nivel de esforzo e dedicación que esixe, mais o compromiso por fomentar desde a mocidade as vocacións STEM vese recompensado polos momentos vividos e compartidos con rapaces e rapazas. Queren seguir apostando pola canteira, fomentar as competencias dixitais e tamén as denominadas soft skills.
Canda as tres persoas que levan a maior parte do peso da organización, unha vintena de estudantes colabora cada ano no desenvolvemento das probas, mentres que o PTXAS de conserxaría axuda no envío de material aos centros, a preparación de tapices e sinalización o día da competición. Pardo subliña que sempre contan con xente disposta a colaborar, pois é unha actividade coa que tamén gozan.
Categorías e premios
A categoría BE-Robot é a destinada para alumnado de ESO e Bacharelato, mentres que o proveniente de FP, titulacións universitarias e outros títulos oficiais fará o propio na categoría DEMO-Robot. En ambos os dous casos, os equipos deberán enfrontar unha serie de probas nas que os seus robots deberán amosar as súas habilidades seguindo un camiño marcado no chan, sacando obxectos dun recinto, atravesando un labirinto no menor tempo posible ou desprazando outros robots fóra do campo de xogo, segundo a categoría.
Os tres primeiros equipos de cada categoría que acaden as maiores puntuacións na fase final serán premiados, outorgándose ademais un galardón á orixinalidade e o premio STEAM ao centro que participe co maior número de estudantes nas diferentes categorías do concurso.
Máis información



