A CT3F amplía os seus retos en ciberseguridade

Vigo TecnolóxicoActualidadeA CT3F amplía os seus retos en ciberseguridade
Un instante da competición C3TF 2026 na sede de Vigo

Imaxe: un instante da competición C3TF 2026 na sede de Vigo (Duvi)

A CT3F amplía os seus retos en ciberseguridade

Participaron máis dun cento de estudantes, que na fase competitiva optaban a tres premios

O pasado xoves altanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, e CITIC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, acolleron unha nova edición da CITIC Cyber Competition (C3TF), unha competición de ciberseguridade en formato Capture the flag (CTF), modalidade na que as persoas participantes deben resolver desafíos para atopar a “bandeira” ou código que acredita a resolución de cada proba. Participaron de xeito simultáneo nas dúas sedes máis de 130 estudantes, que asistiron a un obradoiro sobre análise forense e coñeceron experiencias de profesionais da ciberseguridade antes de tomaren parte na competición.

Mañá de obradoiro e mesa redonda sobre ciberseguridade

A xornada principiou co obradoiro “Introdución á análise forense de dispositivos IoT” (“Internet das cousas”), a cargo de Rafael López García, David Diz Nieves e Pablo Rodríguez Cascón. Na apertura institucional participaron Manuel González Penedo, director do CITIC, e Javier González Castaño, director de atlanTTic. Seguidamente, Uxío Fuentefría, Staff Backend Engineer en SafeLabs, impartiu a conferencia principal, titulada “Estamos vindo moi arriba: un percorrido pola seguridade ata a IA”.

Rubén Pérez Jove, investigador posdoutoral do CITIC da UDC, moderou a mesa redonda “Experiencia profesional das persoas egresadas do MUniCS” (o Máster Interuniversitario en Ciberseguridade). Nela participaron Pedro Blanco Casal, do Departamento de Sistemas de Comunicación Seguros de Indra Group; Pedro Fernández-Arruti Gallego, Cybersecurity Senior Consultant en Tarlogic; Diego Pérez Cordeiro, do Departamento de Seguridade de Technica Engineering Spain; Rosa Seoane, directora de Solucións de Negocio Dixital de Abanca; e Javier Suárez de Vivero, Project Manager en Plexus. Permitiu compartir experiencias e traxectorias profesionais vencelladas ao eido da ciberseguridade.

Tarde de competición

Á tarde foi a quenda da competición. Durante catro horas, un total de 46 equipos, formado cada un deles por un máximo de tres persoas, afrontaron máis dunha trintena de retos de distintas categorías, que abordaron libremente. A puntuación pola resolución de cada desafío estaba axustada segundo a cantidade de equipos que o resolvesen, outorgando unha capa estratéxica á competición. Así, aquelas probas superadas por menos equipos outorgaron unha maior puntuación. Estas comprendían das aplicacións web e as redes ata a criptografía, pasando pola enxeñaría inversa ou a análise forense.

Como novidade desta edición, incorporáronse retos físicos máis aló das pantallas, coma a apertura de cadeados de distintos tipos mediante técnicas de lockpicking, sen empregar a chave, e resolución de probas con cadeados de combinación numérica. Ademais, cada equipo recibiu unha tarxeta NFC que debía inspeccionar e modificar ata atopar a solución. Outros retos estiveron relacionados coa intelixencia artificial e coa criptografía cuántica.

Tres premios con dotación económica

A xornada rematou coa entrega de premios, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade: o primeiro premio, de 1200 euros, recaeu no equipo Tr0y4n1z4d0s, integrado por Eloy Sastre Sobrino, Pablo Diz de la Cruz e Daniel Pérez Mosquera. O segundo, cun premio de 900 euros, foi para CaB, formado por Martín González Dios, Sabela Pérez Quintana e Asier Cabo Lodeiro. Por último, o terceiro posto, de 600 euros, correspondeulle a We Buy Ducks, composto por Jan Duinkerken Rodríguez, Xabier Iglesias Pérez e Jesús Ferreira Rodríguez, que competiron desde a sede de Vigo.

A cuarta edición da C3TF foi organizada por persoal investigador do CITIC da UDC, en colaboración con atlanTTic da UVigo e a Cátedra R en Ciberseguridade. O encontro contou co apoio da Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, a Facultade de Informática da UDC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, o Máster Interuniversitario en Ciberseguridade (MUniCS) e os grupos de investigación RNASA-IMEDIR e LIA2. O comité organizador estivo integrado por Carlos Dafonte, Francisco J. Novoa e José Vázquez Naya, da UDC, e Manuel Caeiro Rodríguez e Ana Fernández Vilas, da UVigo.

Os retos da competición foron desenvolvidos por Martiño Rivera Dourado, Rubén Pérez Jove e David Soler García, vinculados ao Máster Universitario en Ciberseguridade da UDC, e por Pablo Pío Rejo Iglesias, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.

Máis información

Duvi