Imaxe: Marta Pazos (esquerda) e Ángeles Sanromán (dereita), investigadoras de CINTECX, lideran a organización local do 5thEPS-AOPs (Duvi)
A EEI acollerá un congreso cos últimos avances en tecnoloxías descontaminación ambiental
Organizado por CINTECX, o 5º EPS-AOPs tamén abordará avances no tratamento sostible da auga
A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs). Trátase dun encontro científico internacional que reunirá persoal experto e investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
Celebrarase na Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) e ao abeiro da International School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (IPS-AOP), ou Escola Internacional sobre Aplicacións Ambientais de Procesos Avanzados de Oxidación, unha das redes científicas de referencia neste eido, que conta con persoal investigador de 25 países. A organización na UVigo está liderada polas investigadoras do CINTECX Ángeles Sanromán Braga e Marta Pazos Currás, co apoio do comité internacional integrado por Luigi Rizzo, coordinador da IPS-AOP; Sixto Malato, coordinador rexional para Europa; e Camila Amorim, coordinadora rexional para América Latina.
Ángeles Sanromán, que ademais de coordinadora do encontro é investigadora principal do grupo Biosuv (Bioenxeñaría e procesos sostibles), explica que a posibilidade de organizar esta quinta edición en Vigo xorde dos vínculos coa comunidade científica internacional que traballa en procesos de oxidación avanzada, ademais da traxectoria de Biosuv nese terreo.
Debate, formación e interdisciplinariedade
O principal obxectivo do evento é favorecer o intercambio de coñecementos científicos e tecnolóxicos no ámbito dos procesos de oxidación avanzados (AOP, pola súa sigla en inglés) aplicados á descontaminación da auga e á protección do medio ambiente. Ademais de presentar os últimos avances, tamén se pretende promover o debate científico e a colaboración interdisciplinaria entre universidades, centros de investigación e o sector industrial. Ao mesmo tempo, incidirase no apoio a novos investigadores e investigadoras.
Contará coa participación de destacados expertos internacionais, como André Torres-Pinto (Universidade do Porto), Grzegorz Boczkaj (Gdansk University of Technology), Suresh Pillai (Atlantic Technological University Sligo) e tamén nacionais como Elisa González-Romero (Universidade de Vigo), Fernando Juan Beltrán (Universidad de Extremadura), Antonio Arques (Universitat Politècnica de València), Ignacio Sirés (Universitat de Barcelona), José Antonio Sánchez (Universidad de Almería), Javier Marugán Cruz (Universidad Rey Juan Carlos), María Teresa Moreira (Universidade de Santiago de Compostela), Pedro Pablo Gallego (Universidade de Vigo) e Isabel Oller Alberola (Plataforma solar Almería).
Tres xornadas nas que quedará patente a aplicabilidade dos avances científicos
Ao longo de tres xornadas, o programa incluirá conferencias plenarias a cargo de especialistas de primeiro nivel, sesións de pósteres para investigadores emerxentes, comunicacións científicas, mesas redondas e actividades de debate orientadas a identificar os grandes retos da descontaminación ambiental.
As coordinadoras locais do encontro, Sanromán e Pazos, queren subliñar deste congreso a conexión entre a investigación científica e a súa aplicación na realidade industrial. Ademais, as visitas ás instalacións de tratamento de augas residuais e á planta potabilizadora de Aqualia en Vigo permitirán ás persoas participantes coñecer de primeira man aplicacións reais destas tecnoloxías e pór en valor a importancia da colaboración entre universidade e empresa.
A 5th EPS-AOPs conta co apoio de entidades comprometidas coa innovación, a sustentabilidade e o desenvolvemento do coñecemento: ademais da UVigo e CINTECX, a Escola de Enxeñaría Industrial, a Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) e o Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, así como o Consello Social da Universidade de Vigo, Aqualia, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra.
Máis información



