Imaxe: Xanel Vecino Bello, subdirectora da EEI, e Lucía Díaz Vilariño durante o 26º Congreso de Traballos Colaborativos (Duvi)
A EEI volve amosar o potencial da aprendizaxe práctica, a colaboración e a conexión cos retos sociais
A finais de marzo tivo lugar a 26ª edición do Congreso de Traballos Colaborativos
113 estudantes presentaron o pasado 27 de marzo un total de 17 traballos nunha nova edición do Congreso de Traballos Colaborativos, iniciativa xa consolidada como referencia na formación práctica do alumnado. Proveñen de titulacións de grao da Escola de Enxeñaría Industrial (Organización Industrial, Electricidade, Mecánica, Química Industrial e Tecnoloxías Industriais) e do Grao en Dereito, impartido na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
A coordinación do congreso, celebrado no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial, correu a cargo, como é habitual, de Lucía Díaz Vilariño, Diego Campos Juanatey e José Luis González Cespón. Os organizadores quixeron salientar o carácter innovador dos proxectos, así como o seu claro enfoque cara a solución de problemas reais.
Benestar, calidade de vida ou mellora da vida universitaria
Logo de meses de traballo e un comité organizador cunha trintena de estudantes, cada grupo presentou o seu proxecto nunha cita concibida coma un encontro profesional. Houbo traballos relacionados co benestar a e calidade de vida, coma pastilleiros intelixentes, dispositivos para mellorar a hixiene postural ou solucións de protección sensorial para persoas con trastornos de procesamento auditivo.
Outros proxectos repararon na vida universitaria para propor melloras: na verificación de identidade nos exames, aplicacións para localizar espazos no campus e difundir eventos, iniciativas para fomentar a convivencia entre o alumnado ou solucións para optimizar os desprazamentos entre a cidade e o campus.
Como é habitual no congreso, unha parte dos proxectos estivo relacionada con asuntos medioambientais, coma un sistema de drons forestais con IA para a prevención de incendios, unha aplicación para axudar na separación de residuos, un dron para combater a vespa velutina, un sistema de recuperación de auga fría da ducha doméstica ou unha solución contra o desperdicio alimentario.
O Congreso de Traballos Colaborativos é unha iniciativa docente que naceu hai 13 anos impulsada polos profesores da Escola de Enxeñaría Industrial José A. Alonso Rodríguez, José L. González Cespón e Lucía Díaz Vilariño. Fíxoo co obxectivo de fomentar o intercambio de coñecementos, experiencias e proxectos entre as futuras e futuros profesionais, ademais de sensibilizalos sobre os desafíos e oportunidades da sociedade actual. Ten lugar dúas veces por curso, e xa está consolidado como un piar fundamental na formación interdisciplinaria do alumnado. Promove a colaboración entre diferentes titulacións e facultades e proporciona unha plataforma única para que o alumnado comparta as súas investigacións e proxectos, desenvolvendo actividades esenciais para o seu futuro profesional
Máis información



