A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación publica unha guía sobre o uso da IA nas aulas

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Telecomunicación publica unha guía sobre o uso da IA nas aulas
Rebeca Díaz e Manuel Caeiro con parte dos docentes implicados na elaboración da guía  diante da entrada da EET

Imaxe: Rebeca Díaz e Manuel Caeiro con parte dos docentes implicados na elaboración da guía  diante da entrada da EET (Duvi)

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación publica unha guía sobre o uso da IA nas aulas

Incide en empregar a intelixencia artificial de xeito ético, responsable e crítico

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico vén de publicar unha guía pioneira sobre o uso da intelixencia artificial, ou IA, nas aulas; máis especificamente sobre a intelixencia artificial xerativa (IAX). Convértese así no primeiro centro da Universidade de Vigo en regular o uso desta tecnoloxía, que é capaz de xerar novos contidos, xa sexa en forma de texto, imaxes, vídeos, programas informáticos e outros. Trátase, pois, dunha ferramenta que serve como apoio á realización de moitas tarefas do alumnado e o profesorado universitarios. A guía non se basea na prohibición do seu uso, senón en mostrar como usar esta tecnoloxía de xeito ético, responsable e crítico. “A nosa idea é tratar de integrar de forma ética estas ferramentas no día a día do ámbito educativo universitario”, explica Rebeca P. Díaz Redondo, directora da EET.

A guía consta de dous documentos: por un lado, un informe de en torno a 40 páxinas sobre o uso da IAX na realización de actividades académicas. Por outro, dun documento máis sintético, dirixido ao alumnado, no que poderán atopar recomendacións concretas sobre o emprego desta tecnoloxía.

Recomendacións válidas alén da EET

O docente Manuel Caeiro Rodríguez é o coordinador destas guías impulsadas desde a dirección da escola. Dirixiu un grupo de traballo formado por máis de vinte docentes de diferentes departamentos do centro (Enxeñaría Telemática, Tecnoloxía Electrónica e Teoría do Sinal e da Comunicación). “Todas as persoas que forman parte deste equipo traballan no ámbito da IA aplicado a diferentes ámbitos e, por tanto, teñen un coñecemento moi próximo do seu uso, potencialidades e riscos”, explica Rebeca P. Díaz, quen sinala tamén que as novas directrices serán de pronta aplicación na EET, mais están abertas a calquera docente e estudante da universidade. Díaz Redondo agarda que a guía constitúa unha oportunidade para abrir un debate de cara á elaboración dun documento máis amplo para toda a universidade.

Orientar e promover a consciencia no uso, non prohibir

Manuel Caeiro, quen destaca que a IAX xa está a ser empregada de xeito moi proveitoso en diversos labores de docencia e investigación, considera que a súa prohibición non ten sentido, entre outros motivos porque non é sinxelo poder detectar o seu uso. Decántase, en consecuencia, por ensinar a usala de forma ética, responsable e crítica.

Así, na guía Usos de IA Xerativa na docencia. Documento marco na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, trátanse cuestións como a integridade académica, a privacidade dos datos, os nesgos e a imparcialidade ou a responsabilidade social. E usos para alumnado como pescuda de ideas, xeración de esbozos ou creación de esquemas, competencias que debe desenvolver o profesorado, sistemas de titorización intelixentes ou un apartado específico para traballos de fin de grao e de fin de mestrado, entre moitos outros contidos.

Pola súa banda, o documento IA Xerativa: guía para o estudantado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, incide especialmente en apenas catro páxinas no uso ético da IAX (declaración do seu uso, recoñecemento da propiedade intelectual), no uso responsable (privacidade e protección da información sensible, responsabilidade social e responsabilidade medioambiental) e no uso crítico, remarcando que a IAX non garante a exactitude da información e non ten pensamento crítico.

Descargas

Usos de IA Xerativa na docencia. Documento marco na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (PDF)

IA Xerativa: guía para o estudantado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (PDF)

Máis información

Duvi

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación