A Escola de Enxeñaría Industrial celebrou o seu grande aniversario

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría Industrial celebrou o seu grande aniversario
Luis Espada Recarey na presentación do libro-memoria do 50º aniversario dos estudos de enxeñaría industrial

Imaxe: Luis Espada Recarey no momento da presentación do libro-memoria (Duvi).

A Escola de Enxeñaría Industrial celebrou o seu grande aniversario

As clases empezaron hai 50 anos, en outubro de 1976

A Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico reuniu numerosa representación dos ámbitos académico, empresarial, industrial de Vigo e de Galicia na xornada conmemorativa do 50 aniversario dos estudos superiores de Enxeñaría Industrial na cidade desenvolvida este pasado sábado na sede campus da EEI. Alí se deron cita o pasado, o presente e o futuro destes estudos para protagonizaren un acto de posta en valor da súa historia e a súa contribución ao desenvolvemento da contorna, ademais de reflexionar sobre os principais retos da enxeñaría do futuro.

Intervencións da reitora da UVigo e do director da EEI

Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo, quixo pór en valor a historia do centro no seu discurso, verbas nas que subliñou a importancia de todas as persoas que integran a comunidade educativa, a súa relación cunha contorna industrial e o seu carácter público. Incidiu tamén na importancia de seguir a fomentar as vocacións femininas no eido da enxeñaría industrial, e finalizou exhortando a manter a ilusión e a ambición que fixeron posibles os seus éxitos: “Que desde esta Escola sigan nacendo ideas, proxectos e oportunidades. E que as próximas xeracións poidan sentir o mesmo orgullo de pertencer a unha universidade pública que lles abre as portas do mundo”, afirmou.

Pola súa parte, o director da escola, José Fariña Rodríguez, agradeceu o apoio das institucións e da comunidade universitaria que fixo posible acadar este aniversario e destacou o “compromiso, ilusión compartida e traballo constante” para construír unha institución con gran contribución “ao progreso da nosa sociedade”.

Entre a representación institucional que acudiu ao acto, Diego Rodríguez González, responsable de Cultura da Fundación Pedro Barrié de la Maza; José Alberto Díez de Castro, secretario Xeral de Universidades; e Abel Caballero, alcalde de Vigo.

Mesa redonda, libro-memoria e moitas lembranzas

Logo da proxección dun vídeo dos ex directores da Escola, Carlos Castaño, vicepresidente de Enxeñaría de Borgwarner, ofreceu un pequeno relatorio sobre industria, talento e innovación e deu paso a unha mesa redonda con profesorado xubilado e directivos de empresas. Nel participaron o catedrático xubilado Eduardo Godoy Malvar; o catedrático Carlos Prado Prado; a egresada Olalla Cuiña Gomez, presidenta de Inasus & Metaldeza & O Muíño de Cuíña; e Guillermo de Oca Cancela, PAS xubilado da escola.

Finalmente, Luis Espada Recarey, ex reitor e director do Observatorio de Persoas Egresadas, presentou un libro que recolle este medio século dos estudos de enxeñaría industrial na cidade olívica. E o alumnado egresado que acudiu ao acto puido reencontrarse cos compañeiros de promoción en zonas sinaladas por décadas.

125 anos da Escola de Artes e Industrias de Vigo

Este 50º aniversario non é o único que a EEI celebra este 2026, pois tamén fai 125 anos da creación da Escola de Artes e Industrias de Vigo, antecedente da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial, EUITI. O 20 de outubro de 1976 foi o primeiro día de actividade docente da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, dependente, naquel momento, da Universidade de Santiago de Compostela. Non foi ata 2011 cando se creou a actual Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, resultado da unión de ambos os dous centros.

Máis información

Duvi