O evento organizado pola UCC da UVigo e a Deputación de Pontevedra celebrouse na praza do Berbés de Vigo
O pasado venres celebrouse a feira científica “A ciencia que vén ten nome de muller”, evento organizado pola Unidade de Cultura Científica (UCC) da Universidade de Vigo con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología-, e a colaboración do Concello de Vigo. A feira, na que participou público de todas as idades, achegou, a través dunha ducia de postos ubicados na praza do Berbés de Vigo, o traballo que desenvolve o persoal investigador da UVigo, nomeadamente as mulleres, co obxectivo de espertar vocacións científicas, en especial entre as nenas e as mozas.
Mulleres que fan ciencia e precisan unha remuda
O reitor da UVigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra foron os encargados de inaugurar a feira, e ambos coincidiron á hora de poñer en valor o traballo que desenvolven as mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, así como na necesidade de incrementar o número de mozas que se matriculan nestes estudos universitarios.
Manuel Reigosa destacou o compromiso da UVigo con levar a ciencia ás rúas, como un xeito de estar máis presente na sociedade na que se insire. O reitor da UVigo sinalou a ciencia como unha posibilidade de futuro profesional e animou ás mulleres a que “non deixen ás ciencias fóra das súas carreiras”, ao tempo que afirmou que “o talento feminino pode agromar na UVigo e en calquera universidade”.
Pola súa banda, Carmela Silva felicitou á UVigo “por sacar a ciencia á rúa” e lamentou a escasa representación feminina nas carreiras científicas, así como nas direccións dos grupos de investigación. “É fundamental poñer o foco para alertar da inxustiza e animar ás mulleres a que sexan científicas”, dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Ciencia e tecnoloxía na rúa
Uns 80 estudantes de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis foron os primeiros en descubrir os 12 postos da feira, dos que nove corresponderon a grupos de investigación da UVigo, un á Unidade de Igualdade, e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo. Durante dúas horas, as e os estudantes convertéronse en detectives de imaxes da man das e dos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións de atlanTTic; responderon ás preguntas que sobre economía e sociedade lles formularon os integrantes de Ecobas; descubriron a evolución do cerebro e o seu funcionamento e puideron extraer o ADN do plátano, cos grupos de Neurofisioloxía e Xenómica; aprenderon como se pintaba na prehistoria co grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio; descubriron propiedades da linguaxe e a comunicación co Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas; manipularon os recursos minerais co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros e familiarizáronse con especies mariñas e terrestres cos grupos de Oceanografía Biolóxica e Bioloxía Ambiental. As actividades continuaron ata o final da tarde con diversas propostas lúdicas para todos os públicos.
Sete meses de eventos e actividades
“A ciencia que vén ten nome de muller” está organizada ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo. Por diante quedan múltiples eventos, entre eles, algúns cos que celebrar datas coma o Día Mundial da Saúde, o 7 de abril, ou o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño.
Fonte: DUVI.