A G-Night 2024 contará con numerosas actividades dos centros de Vigo Tecnolóxico

Vigo TecnolóxicoActualidadeA G-Night 2024 contará con numerosas actividades dos centros de Vigo Tecnolóxico
G-Night 2024

A G-Night 2024 contará con numerosas actividades dos centros de Vigo Tecnolóxico

A cita coa vindeira noite das persoas investigadoras é o 27 de setembro

A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) volve este setembro coa súa cuarta edición. Coordinada pola Universidade de Vigo, o vindeiro venres 27 disporá actividades en sete cidades galegas. Este evento, asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, celébrase baixo o lema Conciencias creativas.

Feira científica no Edificio Redeiras

En Vigo, o principal centro das actividades será o Edificio Redeiras da Universidade de Vigo, situado na Praza do Berbés, se ben estas se estenderán á Biblioteca Xosé Neira Vilas e ao Museo MARCO.

De 17:45 a 22 h Redeiras acollerá unha gran feira científica con máis de 20 postos e que conta co apoio do Concello de Vigo. Unha chea de actividades gratuítas da man de persoal de investigación da UVigo permitirá achegarse de xeito distendido aos últimos avances científicos. Entre elas, UVigo SpaceLab presentará “Universo sen fronteiras: a ciencia espacial ao alcance de todos”, un posto que contará con maquetas, prototipos e material aerospacial de última xeración e permitirá coñecer a misión espacial que están a preparar.

“Materiais: ciencia-ficción ou realidade” será un obradoiro no que coñecer as propiedades máis sorprendentes de materiais comúns e non tan comúns da man do grupo de investigación ENCOMAT (Enxeñaría de Corrosión e Materiais), da Escola de Minas e Enerxía.

Pola súa banda, o grupo EN.EDI (Enxeñaría Eficiente e Dixital) presentará “Intelixencia moi artificial para os nosos robots”, no que se poderá observar o funcionamento automático dun robot a partir do emprego da IA e comprobar como esta interpreta os movementos.

O grupo GTI (Tecnoloxías da Información) amosará unha recreación do arquipélago de Sálvora para dar a coñecer un proxecto de monitorización de gaivotas ao redor das illas.

“Da teoría á práctica: aplicacións reais da enxeñaría industrial” é a proposta que achegarán desde a EEI, consistente nun obradoiro didáctico sobre enxeñaría química, dos materiais, dos procesos de fabricación e enxeñaría electrónica.

O grupo BIOSUV (Bioenxeñaría e Procesos Sustentables) de CINTECX propón “Solucións claras para auga limpa”, un obradoiro sobre alternativas para eliminar contaminantes da auga.

atanTTic e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación preparan “Argalladas manuais e comunicacións dixitais”, unha demostración de como funcionan as redes de comunicación mediante xogos e manualidades.

No posto do Grupo de Tecnoloxía Aerospacial de atlanTTic poderá verse un satélite de preto, ademais de prototipos e de coñecer o seu último proxecto sobre exploración de covas lunares.

O Vigo Quantum Communication Center, tamén de atlanTTic, afondará nalgunhas propiedades da luz que nos permiten comunicarnos a grandísimas distancias en “A información voa á velocidade da luz”.

A feira acollerá tamén postos de UVigo Motorsport, o equipo de Formula Student da Universidade, de ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) ou de CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia), ademais de actividades paralelas como o espectáculo de danza “A conectividade que nos move”, proposta do Grupo Future Oceans Lab do CIM, o Centro de Investigacións Mariñas.

Actividades na biblioteca municipal e no museo MARCO

A terraza da biblioteca municipal Xosé Neira Vilas será o escenario de “Ciencia na terraza” na que Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE), e Juan Jesús Rico, colaborador tamén de GTE e integrante do Laboratory of Transport Processes, falarán e conversarán sobre enerxía solar: por que España, pese a emerxer hai anos no eido da enerxía solar, non foi quen de consolidar a súa vantaxe inicial? Como inflúen no espallamento desta enerxía as regulamentacións e o apoio institucional?

En total, serán máis dun cento de actividades en toda Galicia nesta iniciativa asociada á Noite Europea das Persoas Investigadoras, proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa que se desenvolve en case 400 cidades de todo o continente desde 2005.

Máis información

Duvi 

G-Night

Programa completo do Edificio Redeiras (PDF)

Programa completo da feira científica (PDF)