A RAGC premia un proxecto da EEI que dixitaliza o selado das latas de conserva

Vigo TecnolóxicoActualidadeA RAGC premia un proxecto da EEI que dixitaliza o selado das latas de conserva
O Grupo de Control non Liñal da Escola de Enxeñaría Industrial, coordinado por Miguel Díaz-Cacho, recibiu o Premio Fernando Calvet Prats

Imaxe: Duvi

A RAGC premia un proxecto da EEI que dixitaliza o selado das latas de conserva

Recibiu o galardón polo seu éxito na transferencia desta tecnoloxía

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou no día de onte os seus Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que xa anunciara hai unhas semanas. Un proxecto da Universidade de Vigo foi merecedor dun deles, grazas ao desenvolvemento e posta no mercado dunha tecnoloxía que dixitaliza o selado das latas de conserva. Trátase do premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación. Tras este éxito de transferencia de tecnoloxía á empresa está o Grupo de Control non Lineal da Escola de Enxeñaría Industrial, que colaborou coa empresa ACTEGA Artística.

No acto institucional, celebrado onte en Santiago de Compostela, tamén se fixo entrega do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio de Divulgación Científica. Acudiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, entidade que promove dous dos premios; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa M. Crujeiras; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.

A vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo, puxo de relevo a alta calidade das candidaturas, e destacou a importancia de ciencia e tecnoloxía como motores do desenvolvemento económico do país.

Aplicación nun dos sectores máis importantes da economía galega

O Grupo de Control Non Lineal da Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico, coordinado por Miguel Díaz-Cacho Medina, desenvolveu unha tecnoloxía que permite a dixitalización e control do proceso de selado das latas na industria alimentaria, que ata agora era manual. Deste xeito conséguese aumentar a produción, mellorar os controis de calidade e aforrar material de selado. Isto implica evitar o desperdicio de millóns de tapas e a resolución de posibles anomalías na produción de xeito automático e remoto. Esta tecnoloxía transferiuse á empresa ACTEGA Artística, con sede no Porriño, que deseña e fabrica compostos de selado para envases metálicos, especialmente para o sector conserveiro.

Díaz-Cacho sinalaba, durante a recepción do premio, que se trata dun galardón para un dos sectores máis importantes da economía galega. Puxo en valor a importancia desta tecnoloxía, que ademais ten o potencial de ser catalizador doutros avances en industrias similares. Tamén que se trata dunha demostración de que os desenvolvementos científicos e tecnolóxicos poden dar o salto do laboratorio a xerar un impacto real na sociedade.

Premios á investigación aplicada e ao xornalismo científico

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia constan de dúas categorías, dotadas cada unha delas con 5000 euros. Canda á investigación levada a cabo na UVigo, foi premiado o Grupo Ictus Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que recibiu o Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada. Liderado por Francisco Campos, busca mellorar o tratamento do ictus isquémico mediante un novo fármaco para protexer o tecido cerebral danado.

Por último, tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico, que foi para a reportaxe Os fármacos do centeo, de Teresa Rocamonde, emitida na Televisión de Galicia, e o Premio de Divulgación Científica, para o neurocientífico Xurxo Mariño, investigador do grupo Neurocom da Universidade da Coruña. Mariño dedícase desde hai máis de tres décadas á difusión do coñecemento científico sobre temáticas que afectan á vida cotiá. Ademais, a reportaxe Así es el «Google Maps» de los cirujanos, de Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en La Voz de Galicia, recibiu un accésit dentro da categoría de xornalismo científico.

Máis información

Duvi

Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

ACTEGA Artística