O obxectivo é dar respostas dende a I+D ás demandas do tecido empresarial
A Asociación de Cultivos do Baixo Miño, acuBam, reúne 27 empresas do sector da planta e da flor cortada, así como produtores de aguacate ou kiwi. Este amplo tecido empresarial é o principal sustento de arredor de 800 familias dos concellos da comarca e, tralo impacto da pandemia, afronta novos retos como mellorar a competitividade do eido da hortofloricultura, crear unha marca de calidade e potenciar as fortalezas e oportunidades do sector. Para facelo, estas compañías poderán contar coa colaboración da Universidade de Vigo, coa que este venres manterán un encontro de traballo na procura de sinerxías.
Para coñecer as demandas e necesidades reais das empresas e darlles a presentar as liñas de investigación dos grupos da UVigo, este venres o concello de Tomiño acollerá unha xornada de transferencia na que se darán cita tanto as empresas que forman parte desta asociación como persoal de investigación de diferentes eidos do coñecemento.
Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, explica que esta iniciativa nace das demandas das propias empresas que forman parte de acuBam, que tras unha xuntanza co reitor, lle trasladaron o seu interese por “coñecer as respostas que dende a Universidade de Vigo se poden dar a determinados retos e necesidades en eidos como a dixitalización, a mellora da conectividade, a mecanización de procesos ou a automatización”. De acordo a estas necesidades deseñouse unha xornada de traballo na que as empresas poderán coñecer o traballos dos grupos de investigación que máis se acheguen ás súas necesidades, na procura de establecer posibles sinerxías e liñas de traballo conxuntas. Esta será unha primeira aproximación entre as partes, xa que está previsto que, unha vez delimitados os posibles eidos de cooperación que resulten de maior interese, teña lugar unha visita dos responsables das empresas aos laboratorios dos campus “para coñecer en detalle as liñas de investigación e as propostas que os grupos poden ofrecer”, destaca a vicerreitora.
Visitas ás empresas e sesión de traballo
A xornada comezará con visitas a Flores Toxal, na Guarda, e ao Viveiro Río Tollo, en Goián e, posteriormente, o salón de plenos do Concello de Tomiño acollerá unha sesión de traballo que será inaugurada pola alcaldesa da vila, Sandra González; o reitor da Universidade, Manuel Reigosa e a presidenta de acuBan, Mariví Álvarez.
Serán as empresas do sector do agro do Baixo Miño as que abran a xornada explicando a situación actual do sector e os principais retos que teñen por diante. Por parte dos grupos de investigación da UVigo, presentaranse liñas de traballo relacionadas coa reutilización das augas de rega sobrantes, a xestión dos residuos orgánicos e a compostaxe, as alternativas enerxéticas, a loita contra pragas e enfermidades das plantas, a mellora das tecnoloxías da información e a comunicación nas explotacións, a optimización da cadea loxística, a posibilidade de desenvolver un Convenio Colectivo Sectorial, a potenciación do agroturismo ou o desenvolvemento dunha campaña de promoción do sector e valorización do rural.
Fonte: DUVI.