Da man do centro de investigación atlanTTic e as compañías Optare Solutions e Orange
A Universidade de Vigo converteuse este mércores na primeira universidade galega en probar as vantaxes da tecnoloxía 5G en ámbitos como a seguridade ou a xestión da mobilidade. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic viviron así unha nova experiencia en torno a estas novas tecnoloxías, co obxectivo de probar os beneficios deste novo estándar das telecomunicacións para desenvolver solucións de seguridade e Smart Campus, grazas á súa aplicación á medición do tráfico de transeúntes e vehículos no recinto universitario, facilitando así unha xestión intelixente dos recursos e as instalacións.
Optare Solutions, atlanTTic, Orange e Ericsson encargáronse das probas para a UVigo, que se levaron a cabo dentro do Plan Nacional 5G financiado por Red.es, e no que tamén participa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Neste caso foron os investigadores de atlanTTic Rubén Pérez Vaz, Alberto Estévez Caldas, Brais Blanco Carballeira, José Manuel Rúa Estévez e José Antonio Álvarez, dirixidos polos profesores Felipe Gil Castiñeira e Francisco Javier González Castaño, do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), os encargados de pór en práctica as dúas probas e amosar así a resposta inmediata da tecnoloxía empregada.
Resposta rápida e útil ante a detección de eventos inesperados
A dificultade do escenario radicaba na utilización da tecnoloxía edge computing, que achega o cómputo na nube ao lugar onde se usan os seus resultados, para que sexa capaz de dar unha resposta rápida e útil en escenarios imprevistos. Segundo explicou Rubén Pérez, responsable técnico do proxecto, “as probas consistiron en utilizar unha antena 5G de Orange, colocada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e conseguir a través dela que un vehículo accedese a unha zona valada só coa lectura da súa matrícula e, en remoto, obter autorización para acceder á mesma”. No caso da segunda proba posta en marcha esta mañá no campus vigués, “o que se intentaba era que, a través dunha cámara unha persoa puidese recibir autorización para entrar nunha zona limitada. No caso dun acceso non autorizado activaríase, en remoto tamén, unha alarma e poríase en marcha un drone capaz de seguir os pasos desa persoa mediante unha aplicación autónoma remota sobre 5G”, indicou Pérez.
O investigador explicou que as probas efectuadas no campus vigués amosan que o 5G ten unha gran capacidade para dar unha resposta inmediata en remoto. Para a realización destas probas fíxose uso de drones autónomos, que permiten realizar vixilancia e recoñecemento e, grazas á rede 5G de Orange e ás solucións Edge Computing de Optare Solutions, enviar e procesar rapidamente a información recibida das súas cámaras para así poder tomar decisións áxiles ante a detección de eventos inesperados.
Demostracións prácticas das últimas novidades tecnolóxicas
A presentación de resultados deste proxecto piloto 5G reuniu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación a unha destacada representación dos socios participantes. Por parte da Universidade de Vigo contouse coa presenza do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e o profesor e investigador Felipe Gil. O vicerreitor fixo fincapé en que estas demostracións son “un excelente xeito de abrir unha ventá coa que traer as tecnoloxías do futuro ao presente e ver o que nos próximos anos pode estar na rúa”. Ao marxe das cuestións de investigación, a directora da escola quixo tamén destacar a grande oportunidade que supón para o alumnado do centro ver a potencialidade de todas estas novidades tecnolóxicas. Martín Llamas engadiu a importancia da colaboración empresa-universidade, “sobre todo no caso de firmas tan destacadas como as que hoxe temos aquí”.
En representación de Optare Solutions contouse coa participación do seu director xeral, Luis Alves, e do seu responsable de Innovación, Xosé Ramón Sousa, aos que tamén se engadiron Óscar Aragón, Jesús Costoya e Amelia Sánchez, en representación da empresa Orange. “Para nós este é un ano moi especial, xa que cumprimos o noso 20 aniversario, e o obxectivo segue a ser o mesmo que cando saímos ao mercado, é dicir, axudarlle ás empresas deste país a innovar e a mellorar as súas comunicacións”, explicou o director xeral de Optare, moi satisfeito dos resultados acadados neste proxecto.
Fonte: DUVI.