A UVigo participa nun proxecto que mellorará a eficiencia da minaría a ceo aberto

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo participa nun proxecto que mellorará a eficiencia da minaría a ceo aberto
A UVigo participa nun proxecto que mellorará a eficiencia da minaría a ceo aberto

Imaxe: BHP Escondida, a mina a ceo aberto con maior produción de cobre do mundo en Chile, nunha instantánea tomada polo profesor Leandro Rafael Alejano unha visita previa. Este é o tipo de mina no que se busca aplicar a tecnoloxía a desenvolver no proxecto (Duvi)

A UVigo participa nun proxecto que mellorará a eficiencia da minaría a ceo aberto

Permitiría aforrar 6500 M€ anuais e 200 millóns de toneladas ao ano de emisións de CO2eq

Un dos principais retos que afronta a Unión Europea é a subministración de materias primas necesarias para tecnoloxías limpas, coma o litio para baterías de vehículos eléctricos ou o cobre para electrificación. Tamén noutros produtos, coma os metais para os teléfonos móbiles. De aí que emprendese iniciativas políticas coma a Lei de Materias Primas Críticas de 2019. Fixa o obxectivo de acadar o 10% das necesidades anuais para a UE para o ano 2030, o que require incrementar a eficiencia mineira.

Ao mesmo tempo, a minaría é responsable de case o 8% da pegada de carbono a nivel mundial, co que cómpre avanzar en innovación que mitigue este impacto. Aquí entra en xogo o proxecto Optimalmine (Slope optimal design for a paradigm shift in mining efficiency, environmental friendliness and resilience, ou Deseño óptimo de taludes para un cambio de paradigma na eficiencia da minaría, na súa compatibilidade co medio ambiente e na súa resiliencia), seleccionado na convocatoria Horizon Europe.

Deseño óptimo de noiros para optimizar o proceso

Coordina o proxecto a Universidade de Newcastle, Reino Unido, e conta entre os seus socios coa Universidade de Vigo, a Politècnica de Catalunya e o Mining and Metallurgy Institute Bor Ltd. Participan tamén universidades colombianas, australianas, canadenses, chinesas e americanas, así como empresas de países como Brasil, China, ou Bulgaria.

O equipo da UVigo está liderado por Rafael Alejano, catedrático do Departamento de Enxeñaría dos recursos naturais e medio ambiente e investigador do grupo GESSMin (Gestión Segura y Sostenible de Recursos Minerales) do CINTECX. O obxectivo principal do proxecto é deseñar taludes ou noiros en minas a ceo aberto que esixan unha menor escavación de estériles, materias primas sen valor. Para conseguir esta optimización estanse a empregar tanto técnicas clásicas como avanzadas baseadas en machine learning ou redes neuronais. Deseños de noiros máis verticais e automatizados permitirán escavar menos volume de rocha sen comprometer a seguridade.

Paredes máis empinadas e eficientes con deseño automatizado

O proxecto principiou o pasado setembro e ten por diante 48 meses de traballo. O orzamento total ascende a 1,1 millóns de euros, dos cales 70.140 corresponden á Universidade de Vigo.

O consorcio aposta por optimizar a pendente para introducir dous cambios fundamentais: dunha banda, paredes máis empinadas e, polo tanto, máis eficientes. Doutra, a automatización do deseño. Todo isto sen perder de vista a seguridade.

A metodoloxía desenvolvida polo profesor Utili, da Universidade de Newcastle determina a xeometría óptima no plano da pendente para un factor de seguridade (FoS) específico, que é significativamente máis pronunciada que calquera pendente plana. A solución que se propón é escavar as ladeiras dos taludes segundo a súa forma topolóxica óptima, en lugar da práctica habitual actual de deseñar noiros cunha inclinación constante dentro de cada capa de rocha.

Se esta metodoloxía fose adoptada polo 50% das máis de 5000 minas de todo o mundo estímanse 6500 millóns de euros ao ano de aforro directo pola menor cantidade de rocha escavada e 200 millóns menos de toneladas ao ano de emisións de CO2 equivalentes.

Xunto co profesor Alejano, en Optimalmine están involucrados por parte da UVigo Ignacio Pérez Rey, profesor contratado doutor recentemente incorporado, e Sifan Yuan, estudante de doutoramento.

Máis información

Duvi

Optimalmine en CORDIS

Optimalmine, Newcastle University

Grupo de investigación GESSMin