A UVigo participa nunha investigación que indaga a formación da Vía Láctea

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo participa nunha investigación que indaga a formación da Vía Láctea
Fernando Aguado Agelet

Imaxe: o investigador Fernando Aguado Agelet (Duvi)

A UVigo participa nunha investigación que indaga a formación da Vía Láctea

Identificáronse os restos dunha galaxia absorbida hai 12.000 millóns de anos

O catedrático Fernando Aguado Agelet, investigador de atlanTTic, participa nunha investigación internacional que achega novas evidencias sobre unha das primeiras grandes fusións que contribuíron á formación da Vía Láctea. Trátase dun traballo liderado por Davide Massari, do INAF, o Observatorio de Astrofísica e Ciencia do Espazo de Boloña. Foi publicado pola revista Nature Astronomy baixo o título Evidence of a massive accretion event 1.8 billion years before the Gaia-Sausage-Enceladus merger, e identifica os restos dunha antiga galaxia anana que foi absorbida pola nosa hai uns 12.000 millóns de anos.

Este descubrimento permite levar 1.800 millóns de anos atrás a historia coñecida das grandes fusións da Vía Láctea. O equipo bautizou este sistema desaparecido como Low-energy-Kraken-Heracles (LKH). Estímase que contaba cunha masa estelar próxima a 500 millóns de masas solares, e os seus restos concéntranse principalmente nas rexións interiores da nosa galaxia.

Chegaron a esta conclusión logo de estudar 39 cúmulos globulares mediante observacións de alta precisión realizadas co telescopio espacial Hubble en combinación con datos astrométricos proporcionados pola misión Gaia. Estes cúmulos conteñen algunhas das estrelas máis lonxevas da Vía Láctea, polo que funcionan como auténticos rexistros arqueolóxicos da historia da galaxia.

A análise das súas idades, metalicidades, avermellamento interestelar e distancias permitiu identificar diferentes poboacións de cúmulos e determinar a súa posible orixe. Unha delas está asociada á propia formación da Vía Láctea; outra, á coñecida fusión coa galaxia Gaia-Sausage-Enceladus, acontecida hai arredor de 10.000 millóns de anos; e unha terceira revela a existencia dunha fusión anterior, correspondente á galaxia LKH.

A importancia dos cúmulos globulares

A participación de Aguado nesta investigación ten a súa orixe no Máster Universitario de Astrofísica, que cursou durante a pandemia da COVID-19. Nese momento comezo a colaborar con Matteo Monelli, investigador do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), e de aí xurdiu a incorporación ao equipo internacional responsable da investigación.

Co resto do equipo, Aguado, que dirixe o Grupo de investigación de Tecnoloxía Aeroespacial da UVigo, leva uns cinco anos estudando a historia de formación e ensamblaxe da Vía Láctea a través dos seus cúmulos globulares. Desta colaboración xurdiu o proxecto Carma (Cluster Ages to Reconstruct the Milky Way Assembly), cuxo obxectivo é determinar con precisión e homoxeneidade as idades dos cúmulos globulares da galaxia e reconstruír así os principais episodios de fusión que experimentou.

Unha colaboración consolidada

O estudo publicado non é unha colaboración puntual, senón que forma parte dunha liña de traballo plenamente activa na Universidade de Vigo no marco do proxecto Carma. Así, son xa dez os artigos publicados en Astronomy & Astrophysics entre 2023 e 2026, ademais do recente traballo en Nature Astronomy. Aguado lidera ademais un dos artigos, Carma II.

Ademais, Astronomy & Astrophysics, aceptou xa un novo artigo do equipo, titulado Cluster Ages to Reconstruct the Milky Way Assembly (CARMA) V. The chronological merger tree of the Milky Way. Este traballo avanza na reconstrución cronolóxica das principais fusións que contribuíron á formación da Vía Láctea. Asegura Aguado que a cooperación entre a Universidade de Vigo, o IAC, o INAF e a Universidade de Boloña está xa moi consolidada. Desde atlanTTic, o investigador contribúe ao desenvolvemento e aplicación de metodoloxías para extraer dos cúmulos globulares información sobre a súa idade, composición e distancia, datos fundamentais para determinar a orixe destes sistemas estelares.

Máis información

Duvi

Publicación en Nature Astronomy (inglés)