A UVigo premia una tese que trata o emprego das TIC en beneficio de persoas superviventes de cancro

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo premia una tese que trata o emprego das TIC en beneficio de persoas superviventes de cancro
Lorena González Castro, premiada pola tese sobre tecnoloxías TIC para paliar secuelas de sobreviventes de cancro

Imaxe: Lorena González Castro (Duvi)

A UVigo premia una tese que trata o emprego das TIC en beneficio de persoas superviventes de cancro

Foi defendida pola investigadora Lorena González Castro na EET

A Universidade de Vigo deu a coñecer nas últimas semanas as gañadoras e gañadores duns galardóns cos que a institución premia o compromiso das alumnas e alumnos que decidiron centrar os seus traballos en temáticas cun claro compromiso social. Son 18 investigacións coas que o alumnado quere achegar o seu pequeno gran de area na difícil tarefa de construír un mundo máis xusto.

Tecnoloxías TIC para paliar as secuelas dos cancros superados

O xurado outorgou a máxima puntuación (100 puntos) á tese Explotación dos datos sanitarios xerados de maneira rutineira a través de sistemas intelixentes para mellorar a toma de decisións clínicas para os superviventes de cancro, realizada por Lorena González Castro e dirixida polo docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Martín López Nores.

O cancro é unha das principais causas de mortaldade no mundo. Mentres os avances en detección temperá e nos tratamentos conseguiron aumentar considerablemente as taxas de supervivencia, xerouse un novo desafío: garantir unha atención integral, personalizada e sostible a millóns de persoas que conviven con secuelas físicas, sociais e psicolóxicas da doenza. A autora, que leva máis de dez anos dedicada á investigación en tecnoloxías de eSaúde baseadas en IA e datos, explica que abordou o desafío desde unha perspectiva tecnolóxica, sanitaria e social. Explorou como os datos clínicos que se xeran continuamente nos sistemas sanitarios poden converterse unha ferramenta estratéxica. “A miña participación no proxecto europeo PERSIST, centrado no desenvolvemento dunha plataforma dixital para apoiar ás persoas superviventes de cancro, proporcionou o marco e definiu a principal liña de investigación da miña tese de doutoramento”, explica Lorena González Castro.

Premios a TFM e TFG

Ademais do novo premio á mellor tese de doutoramento, coma nas edicións precedentes tamén foron galardoados TFM e TFG.

O mellor TFM foi A industria da celulosa ante os ODS 13 e 15: innovación, sustentabilidade e percepción social. Un estudo comparado con foco no caso Ence-Pontevedra, realizado por Pedro Luis López Morillo, do Máster en Comercio Internacional e titorizado polo profesor Emilio García Roselló, que tamén recibiu a máxima puntuación.

O premio ao mellor TFG foi para o traballo A metodoloxía S-LCA. Análise da industria plant-based, feito polo alumna do programa de simultaneidade ADE-Dereito Paula Viceiro baixo a dirección das profesoras Ana Isabel Gueimonde e Nuria Rodríguez.

Axenda 2030, Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social

Os premios ascenderon a un total de 9000 euros para as mellores teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Traballos Fin de Grao relacionados coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social Corporativa. Son uns galardóns que contan xa con certa tradición na UVigo, se ben é a primeira ocasión en que se inclúen as teses de doutoramento, cun resultado “moi satisfactorio”, en palabras de Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria.

Presentáronse un total de 55 traballos candidatos: 20 teses, 20 TFM e 15 TFG, o que supón un notable incremento con respecto ao curso pasado, cando se presentaran 29. A vicerreitora Reboreda, que presidiu a comisión de selección dos premios, amosou tamén a súa satisfacción pola  excelente calidade de todos os traballos. Por ámbitos, o que rexistrou unha maior participación foi o de Ciencias Sociais e Xurídicas, cun total 28  traballos presentados (6 teses, 10 TFM e 12 TFG); seguido do de Ciencias e Ciencias da Saúde con 19 (9 teses, 8 TFM e 2 TFG); Enxeñaría e Arquitectura, con 6 (4 teses e 2 TFM); e, por último, Arte e Humanidades, con 2 (1 tese e 1 TFG).

Máis información

Duvi