Aberta a convocatoria do CINTECX Challenge 2026

Vigo TecnolóxicoActualidadeAberta a convocatoria do CINTECX Challenge 2026
Responsables do Cintecx cos IPs das e propostas gañadoras do Challenge edición 2025

Imaxe: responsables do Cintecx con IPs das propostas gañadoras do Challenge de 2025 (Duvi)

Aberta a convocatoria do CINTECX Challenge 2026

Seleccionaranse dous proxectos de I+D colaborativos, que serán dotados con 10.000 €

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais  do Campus Vigo Tecnolóxico, CINTECX, acaba de lanzar unha nova edición do seu CINTECX Challenge. É unha iniciativa que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os grupos de investigación do centro para, deste xeito, reforzar a cohesión interna e dar visibilidade á súa actividade científica.

Colaboración entre equipos e cohesión interna

O prazo para presentar propostas permanecerá aberto ata o 9 de xaneiro de 2026. Deberán defenderse nunha xornada técnica na que se avaliarán a súa calidade e potencial de impacto. Seleccionaranse dous proxectos, e cada un deles contará con 10.000 euros para executárense en 12 meses. Os resultados presentaranse publicamente nun evento xunto a actividades de difusión para garantir a súa proxección social.

A convocatoria establece a participación dun mínimo de dous grupos de investigación do centro en cada proposta, co propósito de reforzar a colaboración interna e a cohesión entre equipos. Os proxectos deben estar liderados por persoal investigador con título de doutor/a e contrato laboral a tempo completo na Universidade de Vigo e CINTECX ata decembro de 2026. Tamén será indispensable a implicación de dúas persoas investigadoras posdoutorais de grupos distintos, que actuarán como persoal investigador principal co respaldo das súas persoas coordinadoras.

As tres propostas da edición precedente

A edición de 2025 do CINTECX Challenge deu como resultado tres propostas que amosan os froitos da investigación en forma de solucións tanxibles para a sociedade: Eco-NanoxCat, Traconroc e Gal-Bayes.

Eco-NanoxCat, liderada por Antía Fernández Sanromán e Pablo Pou Álvarez, céntrase en crear catalizadores ecolóxicos mediante nanotecnoloxía. Estes materiais “aceleran” procesos químicos, pero cun enfoque sostible: buscan reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia enerxética, axudando a que a industria sexa máis limpa e respectuosa coa contorna.

Traconroc, impulsado por Ignacio Pérez Rey e Aránzazu Pintos Alonso, aborda como se comportan as rochas cando se someten a esforzos de tracción en condicións confinadas. É un coñecemento clave para sectores como a minería, a construción de túneles ou a enxeñaría civil, onde a seguridade depende de prever como reaccionan os materiais baixo presión.

O terceiro proxecto premiado na edición de 2025 foi Gal-Bayes, coordinado por Mario Soilán Rodríguez e María Pazo Rodríguez. Aposta pola intelixencia artificial aplicada á xestión da auga. Utilizando modelos de linguaxe para xerar redes baiesianas, busca predicir e optimizar o uso dos recursos hídricos. É unha ferramenta que pode resultar fundamental nun contexto de cambio climático e escaseza de auga.

Con estes tres proxectos, CINTECX demostra que a investigación colaborativa non só impulsa a ciencia, senón que tamén ofrece respostas prácticas aos grandes desafíos tecnolóxicos, industriais e medioambientais da actualidade.

Máis información

Duvi

Challenge 2026