AER Automation celebrou na EEI a súa sexta xuntanza anual

Vigo TecnolóxicoActualidadeAER Automation celebrou na EEI a súa sexta xuntanza anual
Foto de familia do VI AER Automation Summit

Imaxe: foto de familia das autoridades e das participantes na mesa redonda da mañá (Duvi)

AER Automation celebrou na EEI a súa sexta xuntanza anual

É a primeira vez que a Asociación Española de Robótica e Automatización celebra este evento en Vigo

O pasado xoves a Escola de Enxeñaría Industria do Campus Vigo Tecnolóxico acolleu o AER 6th Summit, a sexta edición da xuntanza anual da Asociación Española de Robótica e Automatización (AER Automation). Foi a primeira ocasión en que o evento se celebra en Vigo, en virtude dun convenio asinado en 2020 entre a Universidade de Vigo e esta asociación.

O cometido do AER 6th Summit foi pór en valor as iniciativas para impulsar a automatización dos procesos industriais nas que a asociación está inmersa. Redundou nun achegamento da industria 4.0 á academia, reafirmando tamén o compromiso coa comunidade e o ecosistema industrial, tecnolóxico e educativo de Galicia. Contou coa participación de ao redor de 120 participantes de empresas asociadas.

Recepción e mesa redonda aberta

A mañá comezou cunha benvida na que estiveron presentes o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger; o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña Rodríguez; e mailo presidente de AER, Carlos Méndez. O reitor quixo pór en valor o talento que está a chegar ás aulas da universidade e o seu proceso de formación, mentres que o director da EEI se referiu ao compromiso de cooperación coas empresas. Pola súa banda, Carlos Méndez pediu un minuto de silencio polas vítimas da DINA no levante español e deu paso directamente á xornada. Esta comezou unha mesa redonda aberta ao público sobre a mellora da competitividade da industria galega mediante a innovación. Nela participaron Patricia Moreira, presidenta de Ceaga; Consuelo Domínguez, directora da planta de GKN Driveline en Vigo; Josefina Alonso, directora de operacións de Dihgigal e Ana Paul, directora de innovación tecnolóxica do CTAG.

Participación de asociacións estudantís patrocinadas por Vigo Tecnolóxico

A sesión da tarde tivo unha especial presenza do alumnado, pois representantes das asociacións CES UVigo e UVigo SpaceLab, patrocinadas polo Campus Vigo Tecnolóxico, ademais de UVigo Motorsport e UVigo Aerotech, presentaron as novidades dos proxectos que teñen entre mans, entre os que se atopa a misión espacial BIXO.

A xornada completouse coas intervencións dos grupos de traballo e comisións de AER Automation e un debate sobre tecnoloxía e humanismo con Javier G. Recuenco, enxeñeiro e fundador de Singular Solving, e Jordi Vallverdú, músico e doutor en Filosofía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).

Máis información

Duvi

AER Automation