Dende onte mércores 9 e ata o venres 11 medio cento de firmas danse cita no campus Vigo Tecnolóxico
Coa participación de preto de medio cento de empresas e asociacións, e cunha combinación dos formatos presencial e virtual, onte botou a andar a vixésimo segunda edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. Ata o venres 11 de marzo as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación acollerán os postos das empresas e asociacións participantes, así como as conferencias e workshops que se desenvolverán ao longo desta edición. A organización, liderada por unha vintena de estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus Vigo Tecnolóxico, refórzase este ano coa incorporación de delegacións de alumnado das escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra.
Co obxectivo de facilitar o achegamento laboral dos futuros titulados e tituladas do ámbito das enxeñarías ás empresas e asociacións do sector, no Foro Tecnolóxico repiten este ano presenza firmas como Deloitte, Cortizo, Borgwarner, Repsol, Norvento Enerxía, PWC, Grupo Nuevo Pescanova, ao tempo que se incorporan outras novas como a empresa holandesa T Talent, Huawei, Teltek, EFIMOB, DataSpartan, así como atlanTTic, o Centro de Investigación en Teconoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Reivindicación da tecnoloxía e dunha maior presencia feminina
No acto de inauguración do Foro, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, reivindicou a necesidade de enfrontar dende a UVigo os retos sociais actuais como o demográfico, a reindustrialización e a igualdade. O reitor incidiu na súa intervención na importancia que os fondos Next Generation terán para o futuro de Galicia, ao tempo que salientou a transcendencia da colaboración público-privada, a reindustrialización e a formación.
Pola súa banda, a coordinadora xeral desta edición do Foro, Ivana Ogando, alumna de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, agradeceu a participación das empresas e a colaboración de novas delegacións de alumnado, e lembrou a importancia que a tecnoloxía tivo durante a pandemia. Do mesmo xeito, o director da EE de Industrial, Juan Pardo, destacou que o desenvolvemento tecnolóxico e científico permitiu enfrontar mellor a pandemia, ao tempo que alertou da existencia dunha fenda tecnolóxica que fai que “non poidamos atender todas as demandas de emprego que recibimos, e ante a que debemos ser quen de conciliar os perfís profesionais coa demanda do mercado”. A directora da EE de Minas e Enerxía, Elena Alonso, tras destacar que o valor do Foro Tecnolóxico vai máis aló do seu lema, fomentando a empregabilidade, pero tamén facendo visible a formación dos profesionais, insistiu en que “cómpre traballar para incorporar máis mulleres ás titulacións do ámbito das enxeñarías”, onde unicamente acadan un 23% da representación total. Mentres, a subdirectora de Difusión e Captación da EE de Telecomunicación, Laura Docio, gabou o traballo que realiza o Foro para visibilizar o traballo das escolas, ao tempo que sinalou que os empregos do futuro “precisarán de enxeñeiros e perfís tecnolóxicos”.
A directora xeral de dirección e colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, destacou na súa intervención o importante momento que se está a vivir para o desenvolvemento de Galicia, no que a transición verde e dixital impoñen un novo paradigma económico. Para Lado “o modo de traballar está mudando e cómpre impulsar iniciativas como este Foro para buscar máis empregabilidade, competitividade, resiliencia e mellorar o emparellamento entre a oferta e a demanda”.
Fonte: DUVI.