Ana Vilas, doutoranda na EE Industrial, recibe un terceiro premio do Laser Institute of America

Vigo TecnolóxicoActualidadeAna Vilas, doutoranda na EE Industrial, recibe un terceiro premio do Laser Institute of America
Imaxe: Ana María Vilas Iglesias recibe o premio do Laser Institute of America (Duvi)

Imaxe: Ana María Vilas Iglesias recibe o premio do Laser Institute of America (Duvi)

Ana Vilas, doutoranda na EE Industrial, recibe un terceiro premio do Laser Institute of America

A investigadora desenvolveu a súa investigación no grupo LaserON

Ana María Vilas Iglesias, investigadora do grupo LaserON do CINTECX, acaba de recibir o terceiro premio do Laser Institute of America á mellor comunicación presentada na 44th International Conference on the Applications of Lasers and Electro-Optics. Trátase da maior conferencia do mundo no eido do procesamento de materiais láser. Celebrouse recentemente en Orlando, Florida, nos Estados Unidos de América.

Vilas é enxeñeira industrial e estudante de doutoramento na Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico. O seu traballo de investigación en LaserON centrouse na produción de nanopartículas bimetálicas empregando a técnica de ablación e reirradiación láser desenvolvida neste grupo de investigación. “Estou moi emocionada por este premio porque recoñece todo o traballo que levamos facendo desde hai varios anos. Cando era estudante de grao na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e o meu soño era dedicarme á investigación, nin sequera podía imaxinar que sería capaz de facer un traballo tan apaixonante e presentalo nun congreso nos Estados Unidos e recibir un premio así”, relatou.

Combatendo a resistencia bacteriana aos antibióticos con nanopartículas

A resistencia bacteriana contra os antibióticos é considerada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) un dos problemas máis preocupantes aos que se enfronta a humanidade neste século. En LaserON están a empregar nanopartículas metálicas para tratar de afrontar este problema: as nanopartículas de metais nobres son unha ferramenta emerxente para combater infeccións resistentes, aínda que algunhas, como as de cobre, son tóxicas. Por iso, explica Ana Vilas, na súa investigación exploraron as nanopartículas bimetálicas, pois a combinación de paladio e cobre limita a toxicidade desde último, mais mantendo as súas propiedades bactericidas.

O traballo galardoado forma parte da tese doutoral de Ana Vilas, dirixida polos docentes e investigadores Mohamed Boutinguiza e Juan Pou. Durante unha estadía en Essen, Alemaña, puido, ademais, comprobar as excelentes propiedades das nanopartículas bimetálicas.

35 anos de procesado e síntese de materiais láser

O grupo de investigación en Aplicacións do Láser (LaserON) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) do Campus Vigo Tecnolóxico é un referente internacional no ámbito do procesado de materiais con láser. Os seus responsables, algúns dos cales contan con máis de 35 anos de experiencia, salientan a conxunción dun excelente grupo humano e o parque láser dispoñible como claves do éxito.

O conxunto de equipamentos, principalmente fontes láser de alta potencia e equipamentos auxiliares, constitúen unha infraestrutura única na Península Ibérica e é unha das dez máis relevantes de Europa neste ámbito.

Máis información

Duvi