Ángeles Sanromán aposta pola plena incorporación do CINTECX á Rede Cigus

Vigo TecnolóxicoActualidadeÁngeles Sanromán aposta pola plena incorporación do CINTECX á Rede Cigus
Ángeles Sanromán nas instalacións do CINTECX

Imaxe: Ángeles Sanromán nas instalacións do CINTECX (Duvi)

Ángeles Sanromán aposta pola plena incorporación do CINTECX á Rede Cigus

A catedrática de enxeñaría química dirixe o centro desde finais de maio

Hai pouco máis dun mes Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964) foi nomeada directora do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. A catedrática de enxeñaría química asegura que a súa percepción do centro non cambiou tras pasar da investigación á dirección, agás “polo compoñente administrativo, ao que cómpre dedicarlle máis traballo, que é fundamental para a boa marcha”.

Sanromán estivo vinculada  á Universidade de Vigo desde o inicio dos seus estudos en Química, na década de 1980, cando aínda non tiña claro cara onde se ía orientar o seu futuro profesional. Tras doutorarse en Enxeñaría Química na Universidade de Santiago de Compostela regresou á UVigo como profesora axudante. Asume o seu novo posto coma un reto profesional, tendo ademais en conta que hai uns meses o CINTECX foi distinguido pola Secretaría Xeral de Universidades como Centro de Investigación Colaborativo. “Agora temos que continuar traballando co obxectivo de mellorar a nosa cualificación e demostrar a necesidade de que Galicia conte cun centro de referencia como CINTECX dentro da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, Cigus”, sinala.

Obxectivos co aval da experiencia acumulada

Sanromán desempeñou previamente outros cargos de dirección e xestión, como a dirección Oficina de I+D da Universidade de Vigo ou xestora na Axencia Estatal de Investigación, nas áreas de Tecnoloxía Química (2007-2011), Transferencia de Tecnoloxía (2015-2018) e Materiais (2019-2022). Coa experiencia acumulada, o seu obxectivo no CINTECX é “consolidalo como un referente en innovación, sostibilidade e colaboración interdisciplinar, cun impacto significativo a nivel local, nacional e internacional”.

A este obxectivo xeral, a nova directora, que releva no cargo a Concepción Paz Penín, suma outros máis específicos: situalo como líder en investigación aplicada e transferencia de tecnoloxía, mellorar as sinerxías entre o persoal investigador, dar prioridade á formación do novo persoal de investigador, incrementar a captación de talento, mellorar as infraestruturas e recursos, impulsar proxectos e tecnoloxías que teñan impacto positivo na sociedade, involucrar e promover a participación cidadá mediante a realización de actividades e continuar a implantación do plan de igualdade.

Moitas fortalezas e algunha debilidade

Botando a vista atrás, da súa experiencia no Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (BIOSUV), que contribuíu a crear, Sanromán valora especialmente a formación de novo persoal de investigación “que hoxe en día son grandes profesionais e na actualidade traballan en empresas punteiras, administracións públicas e na universidade”. Fronte á cantidade de burocracia precisa e necesaria para sacar adiante os proxectos, Sanromán queda co impacto positivo que a investigación ten na sociedade e a diversidade de campos involucrados, que van  da industria biotecnolóxica á alimentaria, pasando pola petroquímica e a ambiental.

No caso do CINTECX, percibe fortalezas como o capital humano, xa que conta con persoal de investigación referente no seu campo “o que o posiciona de xeito favorable no ámbito nacional e internacional”, Tamén destaca a boa taxa de éxito en convocatorias competitivas de captación de fondos e talento posdoutoral, o seu compromiso coa formación do alumnado e persoal investigador, a súa ampla experiencia de colaboración coa empresa privada, o seu aliñamento co RIS3 Galicia ou a súa localización estratéxica na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Como debilidades, nota a baixa capacidade de atracción de investigadores externos a Galicia, a dificultade para competir en salarios coa industria privada e limitacións de espazo e equipamento, ademais da algo limitada visibilidade externa.

Unha achega singular en investigación

Creado no ano 2019 pola UVigo como instrumento para implementar a súa axenda competitiva marco da 4ª revolución industrial, sucedendo ao antigo centro de Apoio á Investigación MTI e máis ao INEX, Ángeles Sanromán lembra que a visión do CINTECX “é consolidarse como centro de referencia a través da excelencia investigadora, producindo un impacto real na contorna e nos socios tecnolóxicos e industriais e xerando masa crítica en investigación”. Posicionado en ámbitos específicos das tecnoloxías, enerxías e procesos industriais, considera a directora de CINTECX que “as capacidades e o coñecemento do centro no ámbito da enxeñaría e da tecnoloxía aplicada constitúen unha achega singular e ben diferenciada do resto do centros máis enfocados aos ámbitos científicos e das tecnoloxías da información”.

Máis información

Duvi

CINTECX