Aprobado o Grao en Enxeñaría da Automoción, o primeiro de Galicia con mención dual

Vigo TecnolóxicoActualidadeAprobado o Grao en Enxeñaría da Automoción, o primeiro de Galicia con mención dual
Fachadas das Escolas de Enxeñaría Industrial e de Telecomunicación da UVigo

Imaxe: fachadas das Escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e de Enxeñaría Industrial, onde se impartirán varias das titulacións (propia)

Aprobado o Grao en Enxeñaría da Automoción, o primeiro de Galicia con mención dual

No curso 2024-2025 tamén se impartirán os mestrados en Internet das Cousas e Biofabricación e botarán a andar os PARS

O pasado venres o Consello Galego de Universidades autorizou a implantación de sete novos mestrados e un novo grao. Trátase do Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual.

A Enxeñería da Automoción é unha rama da enxeñería centrada na aplicación dos principios, técnicas e métodos da enxeñería aos sistemas de automoción. É, por tanto, unha titulación interdisciplinar na que conflúen técnicas da enxeñería industrial e da enxeñaría informática. É, ademais, o primeiro grao con mención dual que se impartirá en Galicia. No marco desta dualidade, para a elaboración do plan de estudos contouse coa opinión e participación de empresas do sector da automoción do contorno de Vigo. Trátase, en concreto do Grupo Stellantis, do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e do Clúster Automoción de Galicia (CEAGA).

Se ben no resto de titulacións da Escola de Enxeñaría Industrial xa está presente a colaboración coas empresas, co programa formativo dual deste grao será aínda máis activa, e abarcará tamén aspectos formativos e prácticas externas curriculares e extracurriculares.

PARS: facilitando a especialización profesional

O Consello aprobou tamén cinco Programas de Percorridos Sucesivos (PARS), que permiten continuar estudos de máster sen necesidade de rematar o grao, coa condición de que o número de créditos pendentes de superar non exceda os 30 ECTS. Así, para o vindeiro curso no Campus Vigo Tecnolóxico estarán dispoñibles os programas en Máster en Enxeñaría Biomédica vía Grao en Enxeñaría Biomédica (8 prazas), Máster en Enxeñaría de Telecomunicación vía Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (15 prazas) e Máster en Enxeñaría Industrial vía Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (10 prazas). E no Campus de Ourense poderán cursarse os PARS en Máster en Enxeñaría Aeronáutica vía Grao en Enxeñaría Aeroespacial (5 prazas) e PARS en Máster en Enxeñaría Informática vía Grao en Enxeñaría Informática (5 prazas).

Dous novos mestrados no vindeiro curso

Entre os novos mestrados aprobados, están os títulos interuniversitarios en Biofabricación e en Internet das Cousas (IoT), que xa se impartirán no curso 2024-2025. En total, entre as diferentes ramas do coñecemento, a Uvigo ofertará para o curso 2024/2025 un total 3836 prazas de grao e 1733 de máster.

 

Máis información

Duvi

Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual (EEI)

Oferta de graos da rama Enxeñaría e Arquitectura na UVigo