As Escolas de Enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico dan a benvida ao novo curso 2021/2022

Vigo TecnolóxicoActualidadeAs Escolas de Enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico dan a benvida ao novo curso 2021/2022

Durante a vindeira semana as tres Escolas de Enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico celebrarán o inicio do curso 2021/2022 con diversas xornadas de benvida, como apertura previa ao comezo oficial da actividade docente o luns 13 de setembro. Os actos porán o foco na acollida do novo alumnado que se incorpora aos estudos que ofrece o campus. Trátase de actividades informativas que buscan orientar sobre distintas cuestións da vida académica, como a organización docente, a mobilidade estudantil, as medidas de prevención e control sanitario e a oferta de asociacións estudantís e servizos do Vigo Tecnolóxico.

A Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) celebrará distintas xornadas de benvida do 6 ao 10 de setembro, de acordo á oferta académica e ao curso. Os actos terán lugar no Salón de Actos da sede do campus e no Paraninfo da Sede Cidade, contando con horarios de mañá e tarde para os distintos grupos, e requirindo inscrición previa. En primeiro lugar, o luns 6 e martes 7 terán lugar as sesións de acollida presenciais do novo alumnado que inicia estudos na EEI, segundo os grupos establecidos na secretaría virtual. Pola súa banda, os e as estudantes que continúan os seus estudos na escola (2º, 3º e 4º curso de grao) serán recibidos o mércores 8 e xoves 9 pola mañá na sede do campus e na sede cidade respectivamente, segundo o Grao correspondente, cunhas xornadas que tamén se retransmitirán en liña. Finalmente, o venres 10 pola mañá darase a benvida ao alumnado do Mestrado en Enxeñaría Industrial na sede do campus.

Do mesmo xeito, o luns 6 de setembro a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) celebrará dúas sesións de benvida (ás 09:00h e ás 12:00h) na praza da súa entrada principal, onde se entregará un agasallo ao novo alumnado do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) acollerá aos estudantes de novo acceso o xoves 9 de setembro ás 10:00h no seu vestíbulo.

Máis información: Guía de Benvida á UVigo.