As tres escolas de enxeñaría avalían a integración da intelixencia artificial xerativa nos seus graos

Vigo TecnolóxicoActualidadeAs tres escolas de enxeñaría avalían a integración da intelixencia artificial xerativa nos seus graos
Clase de docentes como preparación para o proxecto piloto de IA xerativa

Imaxe: docentes das escolas de enxeñaría durante unha das clases (Duvi)

As tres escolas de enxeñaría avalían a integración da intelixencia artificial xerativa nos seus graos

Paralelamente, a EET amplía a súa guía sobre uso da IA

As tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico (Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Enxeñaría de Telecomunicación) porán en marcha o vindeiro curso unha innovadora experiencia piloto de uso da intelixencia artificial xerativa (IAX) na docencia. Nela participarán máis de medio cento de docentes.

A idea partiu da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que o pasado curso xa aprobou unha guía de uso de IA para docentes e estudantes. Agora preténdese establecer unhas directrices moito máis detalladas.

A experiencia piloto consta de varias fases. A primeira delas consiste na formación do profesorado, que é o que se está a facer actualmente, tal e como explica Rebeca P. Díaz Redondo, directora da EE de Telecomunicación. Seguidamente recollerase documentación detallada dos usos que cada equipo docente fará da IAX nas súas materias. No vindeiro cuadrimestre comezará a formación para o alumnado, e, ao seu peche, recollerase a información do proceso de uso da IAX. Coa información recibida, no segundo cuadrimestre refinarase a aplicación e tamén a formación para docentes e estudantes.

Como conclusión do piloto, espérase poder contar cunha análise detallada do impacto do uso de IAX no proceso de ensino-aprendizaxe e poder documentar con boas prácticas o traballo realizado. Así será factible estendelo a outras materias e titulacións, e decidir que ferramentas son máis axeitadas para cada tipo de uso docente (como, por exemplo, autoavaliación, asistentes virtuais ou xeración automática de código). De ser necesario, haberá que decidir tamén que tipo de licenzas de software se necesitan.

Deseño coordinado

Para o arranque da iniciativa solicitouse, en primeiro lugar, a colaboración de docentes do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación para emprender un proceso dirixido e monitorizado durante o curso 2025/2026. Enseguida se decidiu amplialo ás tres escolas de enxeñaría para contemplar así unha casuística máis ampla e, por tanto, uns resultados da análise máis completos. Posto que os equipos directivos de EEI e da EME tamén estaban moi interesados no impacto do uso da IAX entre alumnado de profesorado, foi “natural” deseñar o piloto de forma coordinada, segundo explica a directora da EET.

O proxecto implica a todos os graos que se imparten nas tres escolas, e supón involucrar máis de 60 docentes e de 600 estudantes. Preténdese aplicar a formación que se está a adquirir estas semanas para a docencia nas distintas materias, con propostas de aplicación concretas.

A EET ampliará o seu manual

Paralelamente á posta en marcha deste proxecto piloto, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación están a finalizar a elaboración nun novo manual máis extenso que afonda nos distintos aspectos nos que a IAX ten impacto na docencia universitaria, como metodoloxías, avaliación, regulamento ou declaración de uso. O título é A Intelixencia Artificial Xerativa na Práctica Académica e está editado polo profesor da EET Manuel Caeiro González. Nel participan as profesoras e profesores que elaboraron o primeiro documento, publicado o pasado verán.

A publicación será financiada a través da Convocatoria de Publicación de Monografías e Manuais do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo 2025.

Máis información

Duvi

Información relacionada

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación publica unha guía sobre o uso da IA nas aulas