Imaxe: Xornadas de Enxeñaría Biomédica, no vestíbulo da EEI (Duvi)
As Xornadas de Enxeñaría Biomédica consolídanse coa inauguración da súa segunda edición
Celébranse este martes e mércores
As Xornadas de Enxeñaría Biomédica naceron o ano pasado baixo o paraugas das JAI, as Xornadas de Automatización Industrial. Desta volta, independízanse destoutro evento de longo percorrido na Escola de Enxeñaría Industrial coa inauguración, hoxe, da súa segunda edición. Irina Collado, a súa coordinadora xunto a José Fariña, afirma que esta “total independencia” deriva na consolidación dun espazo propio e 100% enfocado á enxeñaría biomédica.
Esta segunda edición, que se celebra entre o día de hoxe e mañá, principiou cunha mesa redonda sobre as realidades e desafíos das mulleres STEM. Conta tamén cunha decena de postos de empresas, que van de firmas locais a multinacionais de referencia e que incorporan relatorios técnicos, obradoiros prácticos e demostracións en directo de robótica e tecnoloxía médica de última xeración. Irina Collazo explica que tratan de reflectir a interdisciplinariedade que se dá no sector clínico-tecnolóxico, polo que á hora de buscar persoas relatoras están a apostar por figuras do tipo “médico+enxeñeiro”. Deste xeito amósase como a colaboración entre ambas disciplinas resolve necesidades concretas dentro dos hospitais.
No acto de inauguración estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa da UVigo, Xabier Martínez Rolán. Xunto a eles, os dous responsables de organización da xornada, José Fariña (director da EEI) e Irina Collazo, e a cuarta tenente de alcalde do Concello de Vigo, Ana Mejías. A organización destaca o apoio de Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, de Manuel Casal Guisando, enxeñeiro biomédico da Área de Neumoloxía do HAC, e da propia Escola de Enxeñaría Industrial.
Punto de encontro para alumnado, profesionais e empresas
Este evento cubre áreas como robótica, procesamento de sinal ou bioética; e os distintos relatorios, mesas redondas e obradoiros tratarán cuestións como tecnoloxía ao servizo de neurocirurxía, intelixencia artificial, avances en electrofisioloxía cardíaca ou as oportunidades laborais trala finalización dos estudos.
Irina Collazo destaca que o alumnado poderá descubrir a aplicación práctica dos seus estudos, coñecer saídas profesionais ou achegarse a tecnoloxía de vangarda, sendo conscientes do impacto que o seu traballo terá na calidade de vida dos seus pacientes. Pola súa banda, persoal investigador e empresas terán un contorno ideal para captación de talento e dar visibilidade dos seus proxectos.
Converxencia de talento para mellorar a vida das persoas
Durante a inauguración, Xabier Martínez Rolán, vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa, asegurou que estas xornadas representan o tipo de encontro que a UVigo quere seguir impulsando: “un espazo onde a formación académica se conecta coa realidade do sector, onde estudantes, empresas, investigadores e profesionais sanitarios comparten un mesmo escenario para aprender uns dos outros”. Puxo a enxeñaría biomédica como exemplo de converxencia: “tecnoloxía, saúde, intelixencia artificial e innovación traballando xuntas para mellorar a vida das persoas”.
Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, felicitou á organización, mentres que José Fariña, director da EEI, agradeceu a participación das empresas nun evento “organizado polo alumnado para o alumnado”. Por último, Ana Mejías, tenente de alcalde, subliñou o acerto da EEI ao apostar por impartir o Grao en Enxeñaría Biomédica.
Máis información



