atlanTTic aborda os retos da captación de talento e a igualdade no sector TIC

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic aborda os retos da captación de talento e a igualdade no sector TIC
Ara Núñez, Cristina Martín, Juan Ventura, Maruxa Álvarez e Leticia Costas, partipantes na xornada "Talento TIC e igualdade".

Imaxe: Ara Núñez, Cristina Martín, Juan Ventura, Maruxa Álvarez e Leticia Costas, partipantes na xornada “Talento TIC e igualdade” (Duvi).

atlanTTic aborda os retos da captación de talento e a igualdade no sector TIC

A xornada “Talento TIC e igualdade” tratou as dificultades na captación e retención de profesionais

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, celebrou este martes no Espazo Incuvi a xornada “Talento TIC e igualdade”. Foi un espazo de encontro e reflexión sobre a captación de talento, con especial atención á presenza feminina nun sector no que persiste a fenda de xénero.

Ao acto de apertura acudiron Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic; Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade da UVigo; e Ara Núñez Montenegro, enlace de igualdade de atlanTTic na Universidade de Vigo.

Compromiso coa igualdade e a diversidade

Martín Llamas destacou o compromiso do centro coa promoción da igualdade e a diversidade para acadar unha sociedade máis xusta e un sistema tecnolóxico máis competitivo e innovador. Tras a benvida institucional, deuse paso a unha mesa redonda. Foi conducida por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento. Contou coa participación de Cristina Martín, directora de Talento e Persoas en Optare Solutions; Leticia Costas, CEO de Kidcode; e Juan Ventura, xestor de Talento en Balidea.

Púxose o foco na baixa presenza feminina nas titulacións técnicas, especialmente nas enxeñarías, onde as mulleres apenas son a cuarta parte do alumnado. Esta fenda de xénero ten o seu reflexo no mercado laboral e condiciona a diversidade de o potencial innovador do sector TIC.

Mar Cendón destacou a importancia de seguir promovendo iniciativas con perspectiva de xénero desde a UVigo, como o 11-F (Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia) ou o programa Inspira STEAM, que contribúen a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas e mozas, ofrecendo referentes femininos próximos e reais.

Equipos diversos e multidisciplinares en contornas de traballo con valores

Tratáronse as dificultades que teñen as empresas para a atracción e fidelización de profesionais, con coincidencia de pareceres na necesidade de ofrecer algo máis ca un salario competitivo: contornas de traballo con valores, cultura corporativa e proxectos inspiradores que conecten coas aspiracións das persoas.

Debateuse sobre a retención e captación do talento no eido tecnolóxico, especialmente no sector TIC, cunha presencia feminina aínda minoritaria. Cristina Martín opinou que o chamamento do talento convértese case nun “exercicio de marketing” no que as empresas deben transmitir o seu atractivo.

Juan Ventura salientou a importancia de fomentar espazos onde as persoas poidan expresar libremente o seu talento, e o feito de que entre a mocidade emerxen novas prioridades, como a busca de proxectos con impacto social ou oportunidades para conciliar vida persoal e profesional. Pola súa banda, Leticia Costas remarcou que o sentimento de pertenza, a aprendizaxe continua e o autocoñecemento son claves para nutrir o talento e facelo medrar dentro das organizacións.

Outro dos aspectos destacados foi a necesidade de conformar equipos diversos e multidisciplinares, que integren non só perfís técnicos, senón tamén profesionais procedentes das humanidades, a comunicación ou as ciencias sociais. Este enfoque, apuntaron as persoas participantes, favorece a innovación, o pensamento crítico e o desenvolvemento de solucións máis inclusivas e adaptadas á sociedade.

Máis información

Duvi