atlanTTic abre á cidadanía os últimos avances en tecnoloxías de telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic abre á cidadanía os últimos avances en tecnoloxías de telecomunicación
Sala semi-anecoica, un dos espazos que se poderán visitar

Imaxe: visita á sala semi-anecoica, un dos espazos que se poderán visitar (Duvi)

atlanTTic abre á cidadanía os últimos avances en tecnoloxías de telecomunicación

Esta tarde a rúa do Príncipe acollerá unha actividade informativa

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, achegará de novo á cidadanía as súas últimas investigacións. Trátase dunha nova edición das xornadas divulgativas que terán lugar esta tarde, martes 22, no centro da cidade, e o venres 25 de outubro nas instalacións do centro no campus de Vigo.

Hoxe mesmo un punto informativo instalado na rúa do Príncipe fronte ao museo Marco dará a benvida a todas aquelas persoas que se queiran achegar. Será en horario de 16:00 a 19:30 e grazas á colaboración do Concello de Vigo. Será posible coñecer de primeira man os últimos avances en comunicacións 5G e 6G, en tecnoloxía aeroespacial e nanosatélites e mesmo o can-robot Santi.

O venres será a quenda dunha nova edición de Conecta con atlanTTic, a xornada de portas abertas que en horario de mañá recibirá máis dun cento de estudantes de ESO, Bacharelato e FP. Alí, nas instalacións situadas no interior da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, coñecerán os laboratorios e os principais proxectos cos que conta o centro, pertencentes aos eidos de comunicación, servizos dixitais e ciberseguridade. En horario vespertino, a actividade ábrese a todo tipo de público. Máis de vinte profesionais amosarán os últimos proxectos nos que están a traballar dun xeito ameno e interactivo.

Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, explica que esta actividade é importante non só por compartir o traballo que se está a realizar, senón tamén por coñecer as inquedanzas da sociedade respecto do ámbito da telecomunicación. Salienta tamén a consolidación do evento no centro de Vigo.

Referente nacional e europeo

Durante a visita, en calquera das dúas quendas, será posible visitar tres dos principais laboratorios de atlanTTic: o laboratorio de seguimento de satélites, o laboratorio de acústica ―que inclúe unha visita guiada á sala semi-anecoica, espazo no que as paredes absorben as ondas acústicas grazas á tecnoloxía Metadyne―, e finalmente o laboratorio de medidas radioeléctricas e a súa cámara anecoica.

Ademais dos laboratorios, o centro disporá unha serie de postos nos que o persoal investigador amosará ao público diferentes proxectos punteiros e as últimas aplicacións que están a desenvolver. Serán demostracións vinculadas coas principais liñas de traballo de atlanTTic: tecnoloxías 5G e 6G, comunicacións ópticas, fotónica integrada, aplicacións accesibles, intelixencia artificial, criptografía cuántica, teledetección ou sistemas aeroespaciais.

Entre todas e todos visitantes sortearase un lote de artigos promocionais do centro. Estas xornadas, cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (FEDER), requiren inscrición previa; pode realizarse a través da páxina web de atlanTTic.

Máis información

Duvi

Xornada de portas abertas 2024 en atlanTTic