atlanTTic abre o prazo para concorrer ao II premio á mellor tese no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic abre o prazo para concorrer ao II premio á mellor tese no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación
II Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento

atlanTTic abre o prazo para concorrer ao II premio á mellor tese no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación

Está aberto a teses defendidas en calquera universidade española

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, convoca a II edición do seu premio á mellor tese doutoral no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación. Esta distinción pretende recoñecer o labor realizado polas persoas investigadoras cuxa investigación supoña un avance salientable no eido das tecnoloxías de telecomunicación. Recoñece achegas que, baseadas na innovación, a orixinalidade, a creatividade e o rigor científico, supoñen un avance no coñecemento producido nesta disciplina. A súa vontade é tamén servir de acicate complementario a todas as  persoas que investigan neste ámbito.

O premio, cuxa contía máxima é de 2.500 €, está aberto a persoas de toda nacionalidade que estudasen en calquera universidade española. É necesario estar xa en posesión do título de doutoramento, cunha tese do eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) no ano 2023. Ademais, é requisito que o traballo acadase a máxima cualificación (excelente cum laude), e tamén ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou ben dispor dunha patente en explotación por un resultado da investigación realizada no contexto da tese.

O prazo de candidaturas permanecerá aberto ata o 16 de setembro a través da sede electrónica da UVigo. É necesario descargar e encher o formulario e presentalo a través da opción “instancia xenérica (SXER)” con asunto “premio atlanTTic-Tese Doutoral”.

 

Valoración das propostas

A comisión de avaliación considerará os cinco méritos máis significativos de cada traballo, e asignará unha puntuación máxima de 100 puntos. Estes méritos están relacionados coas publicacións de impacto en revistas JCR de gran relevancia, as publicacións de impacto en congresos internacionais e os resultados de transferencia, patentes ou aplicacións comerciais, todos eles no ámbito das tecnoloxías da telecomunicación e indicando claramente a súa participación e relación coa tese. Por último, tamén se valorarán os premios recibidos, os proxectos xerados a partir da tese e outros méritos como estadías no estranxeiro ou o financiamento recibido.

Máis información

Duvi

atlanTTic

Convocatoria

Formulario

Sede electrónica da UVigo