Imaxe: foto de familia das persoas asistentes á xuntanza do edificio Redeiras (Duvi)
atlanTTic afronta a segunda fase do proxecto DistriMuSe de seguimento da saúde
O consorcio responsable fixo balance da primeira fase no edificio Redeiras
O centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, participa no proxecto europeo DistriMuSe (Distributed Multisensorial Systems), unha iniciativa nacida para mellorar a saúde e a seguridade das persoas. Faino mediante sistemas multisensor, procesamento distribuído e técnicas avanzadas de aprendizaxe automática. Está coordinado polo Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia, e nel participan máis de 50 socios entre universidades, centros tecnolóxicos e empresas. Agora acaba de presentar o seu segundo ciclo de traballo, tras concluír unha primeira fase centrada no deseño, viabilidade e posta en marcha dos pilotos.
O consorcio responsable do proxecto vén de reunirse no edificio Redeiras da UVigo trala finalización dese primeiro ciclo. A xuntanza serviu para valorar os resultados e planificar a segunda fase. Entre os principais obxectivos, recapitular a experiencia gañada, potenciar a integración de técnicas de IA e fortalecer a relación entre socios.
Ademais, cada equipo presentou os progresos dos seus pilotos, demostrando o potencial das tecnoloxías empregadas e sentando as bases dos avances que virán na segunda fase.
Monitorizando a saúde mediante o emprego ético da tecnoloxía e a IA
A Universidade de Vigo e atlanTTic lideran o piloto P1-LL: “Vixilancia do estilo de vida humano”, centrado na monitorización da actividade diaria de persoas nas fases iniciais de deterioración cognitiva leve (MCI) e párkinson, así como de persoas maiores sen estas patoloxías. Os datos son recollidos por unha combinación de sensores visuais, dispositivos wearables, radar e tecnoloxías de fala co propósito de ofrecer ferramentas de asistencia a coidadores. Previrán situacións de emerxencia e favorecerán un seguimento máis personalizado.
Desde o equipo responsable en atlanTTic, con 14 investigadoras e investigadores baixo a dirección de Felipe Gil e Pablo Fondo, os resultados preliminares confirman o bo funcionamento dos modelos de análise da fala. A seguinte fase estará centrada na identificación das características máis relevantes para a detección temperá de cada condición.
A UVigo tamén está detrás da creación dunha plataforma de cómputo distribuído que facilitará o uso e integración das ferramentas do proxecto entre os distintos socios. DistriMuSe pon tamén empeño no uso responsable e ético da intelixencia artificial, garantindo que as decisións automatizadas sexan transparentes e baseadas en datos de calidade.
Os resultados de DistriMuSe teñen un alto potencial de transferencia ao mercado, pois moitas das empresas participantes prevén integrar as tecnoloxías desenvolvidas nos seus produtos e servizos. O proxecto abrangue tres ámbitos principais: o seguimento continuo da saúde, a seguridade viaria e a interacción segura con robots industriais, combinando innovación tecnolóxica e impacto social.
Máis información
atlanTTic, no proxecto DistriMuSe de protección da saúde e a seguridade



