Imaxe: un momento do acto, con Martín Llamas (director de atlanTTic; cuarto pola esquerda), Manuel Reigosa (reitor), Román Rodríguez (conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional) e Rebeca Redondo (directora da EET) no centro.
atlanTTic celebra o seu 15º aniversario facendo balance e mirando cara o futuro
Os seus tres directores lembraron os fitos do centro
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, celebrou a pasada semana no Tinglado do Porto de Vigo o seu 15º aniversario. No acto conmemorativo participaron representantes da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e integrantes da comunidade investigadora do propio centro, ademais de axentes do ecosistema tecnolóxico galego.
Unha visita institucional deu comezo ao evento. Incluíu un percorrido pola zona de postos nos que se presentaba distintos proxectos de investigación e transferencia, demostracións tecnolóxicas e resultados de investigación desenvolvidos ao longo da súa traxectoria. A mostra amosou ao público asistente unha panorámica do labor investigador de atlanTTic en eidos como comunicacións 6G, ciberseguridade, intelixencia artificial, tecnoloxías cuánticas ou redes avanzadas.
Seguidamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, presidiu a apertura institucional xunto ao reitor da UVigo, Manuel Reigosa Roger. Ambos os dous coincidiron en destacar a importancia da colaboración e de estender as colaboracións con outros centros de investigación en tecnoloxía.
Rodríguez subliñou a transcendencia da innovación feita desde Galicia, e que centros de investigación como atlanTTic son esenciais para “seguir sendo o que somos e mellorar a vida das persoas”. Reigosa destacou o papel estratéxico de atlanTTic como centro de referencia en tecnoloxías da comunicación en Galicia; tamén o seu impacto na captación de talento e a transferencia ao sector produtivo. Abel Caballero Álvarez, alcalde de Vigo, pechou a primeira parte do acto. Declarou que atlanTTic é un orgullo para Vigo que sitúa a cidade na vangarda tecnolóxica.
Pasado, presente e futuro
A celebración do aniversario incluíu un repaso á traxectoria de atlanTTic. Participaron as tres persoas que estiveron á fronte do centro durante a súa historia: Nuria González Prelcic, Carlos Mosquera Nartallo e Martín Llamas Nistal, actual director. Repasaron os fitos máis importantes destes tres lustros, ademais dos logros acadados e os desafíos actuais.
González Prelcic lembrou os inicios din centro de investigación nacido “desde abaixo, grazas ao esforzo dos grupos que o fixeron posible” ata converterse “nunha xoia para Galicia e nun piar clave do polo galego das telecomunicacións”. Mosquera Nartallo puxo en valor tanto a consolidación de alianzas estratéxicas dentro e fóra de Galicia como a creación de tecnoloxía con impacto real na sociedade. Finalmente, Llamas Nistal incidiu nos retos actuais, incluíndo o reforzo da proxección internacional e asumir roles de liderado en ámbitos coma o 6G, a fotónica, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías cuánticas.
Quince anos de éxitos
Desde o seu nacemento, atlanTTic acadou sete proxectos do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta e cinco spin-offs activas, así como 626 publicacións no período 20-24. A súa investigación punteira en ámbitos clave como as comunicacións 5G/6G, a ciberseguridade e privacidade, a fotónica integrada, as tecnoloxías cuánticas e as tecnoloxías aeroespaciais. Impulsou a creación do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou o laboratorio de redes de comunicacións B5G/6G Communication Networks Laboratory.
O acto serviu non só para celebrar a evolución do centro desde a súa creación, senón tamén para reforzar o seu compromiso coa investigación de excelencia, a innovación e a colaboración co tecido empresarial e institucional, consolidando o seu papel como axente clave no avance tecnolóxico e dixital de Galicia.
Máis información



