Imaxe: vista exterior das instalacións de atlanTTic (Duvi)
atlanTTic celebra 15 anos de impulso á innovación en telecomunicacións
Este xoves e venres conmemórase cun acto institucional e a oitava edición da súa xornada de portas abertas
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, cumpre 15 anos este 2025, xa consolidado como referente da investigación e a transferencia de coñecemento en ámbitos estratéxicos como as comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade.
Esta semana celébrase este aniversario con varias actividades: o xoves 20 terá lugar un acto institucional ao que acudirán autoridades académicas e políticas e representantes de empresas do sector e persoal do centro. O encontro porá en valor o papel clave da investigación en telecomunicacións no desenvolvemento económico e social de Galicia. Será no Tinglado do Porto de Vigo.
Xornada de portas abertas para escolares e público xeral
Logo do acto institucional, o venres 21 celebrarase a oitava edición da xornada de portas abertas “Conecta con attlanTTic”. Será tamén, e por vez primeira, no Tinglado do Porto de Vigo.
Baixo o lema “Está aí, pero non o ves” convidará as persoas asistentes a descubrir a ciencia que permanece oculta pero fai realidade a tecnoloxía que usamos cada día. Será en dúas quendas: unha en horario de mañá, de 10 a 13 h, para centros escolares. E outra en horario de tarde, de 16 a 19 h, para o público xeral. A asistencia é gratuíta, mais cómpre inscribirse a través da web de atlanTTic. O público poderá ver en funcionamento un dron con conectividade 5G, o robot cuadrúpede Santi, maquetas de nanosatélites e proxectos de comunicacións cuánticas, fotónica ou intelixencia artificial.
O director do centro, Martín Llamas Nistal, ve esta xornada como unha oportunidade única para coñecer de preto como a ciencia que se fai en atlanTTic transforma o noso día a día.
15 anos e máis de 200 profesionais
atlanTTic abriu as súas portas en 2010 para impulsar o avance da sociedade mediante investigación de excelencia e transferencia de coñecemento en áreas clave para a transformación dixital. Quince anos despois, o centro, parte da Rede Cigus da Xunta de Galicia, reúne máis de 200 profesionais e consolídase como un dos polos científicos e tecnolóxicos máis relevantes do ámbito galego e estatal.
Martín Llamas remarca a intención de recordar que a investigación non é algo abstracto ou afastado, pois transforma silenciosamente o presente e constrúe o futuro. “Queremos seguir deseñando ese futuro desde Galicia, conectando o talento, a innovación, o ecosistema de I+D e a sociedade”.
Centro líder en captación de fondos e transferencia
Nestes anos impulsáronse proxectos e infraestruturas punteiras como o Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou a futura fábrica de semicondutores SPARC, que reforzan o liderado galego en ámbitos como a fotónica integrada ou as tecnoloxías cuánticas.
O seu persoal investigador destaca en áreas como as comunicacións B5G e 6G, a fotónica integrada, a intelixencia artificial, o procesamento de linguaxe natural, as tecnoloxías aeroespaciais, a ciberseguridade ou as tecnoloxías cuánticas, desenvolvendo proxectos con impacto directo na industria e no día a día das persoas.
O compromiso coa transferencia reflíctese tamén na creación dun ecosistema emprendedor robusto, con cinco empresas derivadas (spin-offs) activas —entre elas, Alén Space, integrada hoxe no grupo GMV— que en 2024 superaron conxuntamente os cinco millóns de euros de facturación. Entre 2020 e 2024, o centro mobilizou 11,8 millóns en contratos e convenios con empresas e 39,8 millóns en financiamento competitivo, que o consolidan como o centro líder da UVigo na captación de fondos e na transferencia ao tecido produtivo.
Máis información



