atlanTTic, coa detección temperá de deterioración cognitiva

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic, coa detección temperá de deterioración cognitiva
Equipo do proxecto Sapiens para combater a deterioración cognitiva

Imaxe: Equipo do proxecto Sapiens (Duvi)

atlanTTic, coa detección temperá da deterioración cognitiva

O proxecto Sapiens afronta o cambio demográfico

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou a semana pasada a xornada Intelixencia Artificial e detección temperá de doenzas neuropsiquiátricas en persoas maiores, na que se presentaron os resultados do proxecto de investigación Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing). Na apertura da xornada participaron Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, e Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic e integrante do equipo do proxecto. Ademais de Sapiens,  na sesión tiveron presenza outras iniciativas que se están a levar a cabo no centro no ámbito da detección temperá de enfermidades, como Celia ou VISIA.

Sapiens ten como obxectivo contribuír ao desafío ao benestar que supón o cambio demográfico, cunha estratexia baseada na investigación en tecnoloxías da información que poidan ser adaptadas para xerar instrumentos que promovan un envellecemento saudable e a detección temperá de desordes neuropsiquiatricos.vO equipo a cargo do proxecto está especializado en dúas áreas: ciencias da computación e ciencias clínicas. As contribucións principais do proxecto están centradas na primeira, mais os resultados serán de aplicación no sector sociosanitario. Por iso é esencial a validación desde o punto de vista clínico, en particular no coidado xerontolóxico. Así, os investigadores principais, Luis Anido Rifón e Luis Álvarez Sabucedo, ambos os dous da área de Enxeñaría Telemática da UVigo, estiveron asistidos polo responsable do segundo equipo, Manuel Gandoy Crego, do  Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Cun equipo de investigación composto por un total de 13 persoas, o proxecto foi financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado por atlanTTic. Contou coa colaboración de diversas asociacións e centros de maiores como Afaga (Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia), o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valadares e o Coro Sénior da UVigo.

Ferramentas adestradas con IA e retos

O catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Luis Anido Rifón xunto ao persoal investigador do proxecto, Noelia Lago, Moisés Pacheco e Iván Otero, foron os encargados de presentar os resultados acadados. Ao abeiro do proxecto deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de Machine Learning, como DigiMoca e Digi-Yesavage, asistentes de conversa intelixentes (en forma de skills para o asistente Alexa) cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores. Para comprobar o grao de facilidade de uso, as probas estiveron dirixidas á medición de aspectos como a atención, a velocidade de resposta ou a memoria da persoa que interactúa coa ferramenta.

O equipo de Sapiens destacou a importancia da detección temperá de enfermidades neurodexenerativas como Alzhéimer e Párkinson ou outros trastornos como a depresión para acadar unha maior eficacia do tratamento, o que repercute enormemente na calidade de vida das e dos pacientes e reduce o impacto destas doenzas.

A xornada incluíu unha mesa redonda na que participaron Iván Rarís, xerente do Clúster de Saúde de Galicia; Roberto González Novas, responsable de Innovación de DomusVi; César Bugallo, presidente de Fagal (Federación Alzhéimer Galicia); Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Foi moderada Martín Llamas e algúns dos retos que puxeron enriba da mesa os participantes na sesión foron a necesidade dunha estandarización no tratamento dos datos dos pacientes e a capacitación do persoal médico no emprego destas tecnoloxías, ao tempo que tamén destacaron a importancia dun proceso de co-creación destas ferramentas dixitais coas propias persoas usuarias.

Máis información

Duvi
atlanTTic
Sapiens
Celia IA