atlanTTic e CINTECX: a excelencia da Rede CIGUS

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic e CINTECX: a excelencia da Rede CIGUS
Sedes de atlanTTic e CINTECX

atlanTTic e CINTECX: a excelencia da Rede CIGUS

O Campus Vigo Tecnolóxico conta cun centro CIGUS, atlanTTic, e CINTECX como centro aspirante

Recentemente, o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou as axudas á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS). Tres centros de investigación da UVigo renovan a súa presenza na rede, entre eles atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación. Así, atlanTTic seguirá sendo centro CIGUS ata 2027 e recibirá 1.818.666,67 de financiamento.

Pola súa banda, o CINTECX, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, entra a formar parte da rede nunha nova categoría: centro aspirante. O financiamento que recibirá será de 644.827,59 €.

Canda atlanTTic tamén prorrogan a súa pertenza á Rede CIGUS o Centro de Investigación Mariña, CIM, e o Centro de Investigación en Materiais e Biomedicina, CINBIO. Ecobas, Economics and Business Administration for Society, é outro do centros aspirantes.

En total, os cinco centros da Universidade de Vigo que forman parte da rede recibirán un financiamento global de máis de 6,1 millóns de euros para o período contemplado.

Son 10 centros das tres universidades galegas, máis os 3 centros aspirantes, os que contan actualmente co selo que avala a calidade e impacto das súa investigación e que busca proxectar estes centros como referentes no ámbito científico. A Rede CIGUS é unha superestrutura promovida pola Xunta de Galicia orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia.

23,6M€ para financiar 13 centros de investigación en Galicia

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai destinar case 23,6M€ para o financiamento destes 13 centros de investigación, o que lles vai permitir gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027. Para optar a esta acreditación, os centros debían cumprir diversos requisitos como ter financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e superar o procedemento de avaliación final; obter unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e outros referidos a súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria.

A acreditación da excelencia dos centros realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo en base a tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

O reitor, Manuel Reigosa Roger, valorou a nova da renovación dos tres centros de investigación da UVigo que xa forman da rede e admitiu sentir “unha gran ledicia” por esta nova. “A busca da excelencia é algo que forma parte desta institución desde que se creou, e seguir apostando por esta excelencia supón seguir dando pasos na dirección correcta”.

 

Máis información

Duvi

atlanTTic

CINTECX