Imaxe: Marta Pazos e Ángeles Sanromán co resto de investigadoras e investigadores do seu grupo, Biosuv, cuxo proxecto G-Free resultou o segundo máis financiado de toda a UVigo (Duvi).
atlanTTic e Cintecx conseguen máis de 1,8 millóns de euros en fondos de investigación do Plan Nacional
A UVigo no seu conxunto capta un total de 5,2 M€
Recentemente fíxose pública a resolución definitiva do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. atlanTTic e Cintecx, os centros de investigación do Campus Vigo Tecnolóxico, conseguiron algo máis de 1.800.000 € para o período 2024-2027. Estas axudas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades están destinadas á realización de proxectos de investigación dirixidos a fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada. Preténdese así atopar solucións para facer fronte aos principais desafíos da sociedade.
Case 2 millóns de euros para os centros Cigus da UVigo e 960.000 para Cintecx
De 40 proxectos seleccionados na Universidade de Vigo, 13 están liderados por persoal docente e investigador adscrito aos tres centros da Rede Cigus da UVigo: ademais de atlanTTic, Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación; CIM, Centro de Investigación Mariña, e CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina. Entre os tres, acadan unha captación de case 2 millóns de euros, con atlanTTic como centro máis beneficiado con seis proxectos por importe de 888.625 €.
Cintecx, centro aspirante a entrar a formar parte da Rede Cigus, acada ao redor de 960.000 para outros seis proxectos. Tamén conseguen financiamento os novos institutos de investigación do campus de Ourense: o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE). Igualmente foron seleccionados dous proxectos de investigadores da UVigo dentro do centro universitario CISPAC, Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais.
📢 #CINTECX consegue cerca dun millón de euros de fondos para investigación procedentes do Plan Nacional para financiamento de 6 proxectos, dos algo máis de 5,2 millóns de euros obtidos pola @uvigo!
➕https://t.co/6Q47QyXLmw#FEDERGalicia #EUFunds #TeamCINTECX #HRS4R pic.twitter.com/plHc6S7xP2
— CINTECX (@cintecx) December 13, 2024
275.000 € para purificación de augas e electrocatalizadores verdes
No segundo posto dos proxectos que acadaron un maior financiamento, con 275.000 euros sitúase o liderado polas investigadoras do Cintecx Marta M.ª Pazos e M.ª Ángeles Sanromán, actual directora deste centro. Titulado “Avanzando por un futuro máis ecolóxico: integración de materiais respectuosos co medio ambiente para a purificación de auga e iniciativas de enerxía renovable, G-Free”, o proxecto busca avanzar no deseño de materiais respectuosos co medio ambiente, creados especificamente para a purificación da auga e iniciativas de enerxía renovable. As investigadoras explican que seguirá os principios da química verde e da sustentabilidade, incorporando residuos agroindustriais (biomasa) como precursores para desenvolver novos materiais.
G-Free ten como obxectivo mellorar os procesos de oxidación avanzada para o tratamento de augas residuais. Isto implica a innovación de catalizadores sostibles, electrocatalizadores e materiais de liberación controlada de oxidantes, co obxecto de eliminar contaminantes emerxentes.
A inxección económica acadada pola UVigo ascende a un total de 5.282.250 euros, cantidade que se distribúe entre 40 proxectos de investigación que se levarán a cabo nos tres campus da UVigo ata finais de agosto de 2027 ou 2028, dependendo da duración de cada un deles -tres ou catro anos-. Este ano solicitáranse un total de 91 proxectos e, finalmente, concedéronse 40, o que sitúa a taxa de éxito nun 44%, unha cifra moi similar á acadada o ano pasado -46%- cando a institución académica viguesa -tamén con 40 proxectos concedidos- conseguira acadar o seu máximo histórico.
Máis información