atlanTTic, nos principais eventos internacionais do sector aeroespacial

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic, nos principais eventos internacionais do sector aeroespacial
Integrantes do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais co director da Agencia Espacial Española, Juan Carlos Cortés

Imaxe: Integrantes do grupo de Tecnoloxía Aeroespacial co director da Agencia Espacial Española, Juan Carlos Cortés (Duvi)

atlanTTic, nos principais eventos internacionais do sector aeroespacial

Integrantes do centro participaron en dúas importantes citas do sector celebradas en Italia

Persoal investigador de atlanTTic, o centro de investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, participou a semana pasada no Congreso Internacional de Astronáutica (IAC2024) en Milán e no Simposio de Drones en Pisa. Son eventos internacionais que serven tanto de plataforma para presentar os últimos avances desenvolvidos na Universidade de Vigo como para consolidar relacións estratéxicas e reforzar o liderado no artellamento de novas tecnoloxías espaciais.

O IAC, que celebrou a súa 75º edición co lema “Espazo responsable para a sustentabilidade”, está organizado pola Federación Internacional de Astronáutica (IAF). Reúne os actores con maior influencia no sector; desde grandes axencias como a norteamericana NASA e a europea ESA ata empresas e universidades de todo o mundo. Persoal investigador de atlanTTic e parte do equipo de UVigo SpaceLab, organización estudantil que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, amosaron no encontro algúns dos proxectos que nos que están a traballar, relativos á exploración lunar, a mellora das comunicacións ópticas e o uso de drones.

 


Proxectos clave en exploración lunar e comunicacións

A4UC (Antennas for Underground Communications) é un proxecto de investigación sobre  a propagación de sinais en covas lunares e o desenvolvemento dunha antena para comunicacións nesas cavidades. Foi presentado na IAC polo investigador e profesor Fernando Aguado Agelet, líder do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial de atlanTTic, e conta coa colaboración da Universidad de Oviedo e a empresa EOSOL. A4UC abre a porta a novas formas de comunicación en ambientes extremos, algo esencial para a exploración planetaria.

Tamén xirou en torno á exploración lunar a presentación do proxecto AMPERS (Advanced Management Power Electronics for Radiosotope and Solar) a cargo de Fermín Navarro Medina, tamén do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial. AMPERS afronta o desafío enerxético que supoñen as misións lunares. Faino mediante  a integración dun xerador termoeléctrico de radioisótopos (RTG) e paneis solares nun rover lunar. É un proxecto conxunto coas universidades de Oviedo e Leicester.

Pola súa banda, outros dous integrantes deste grupo de investigación, Alejandro Camanzo Mariño e Uxía García Luis, presentaron os últimos avances en comunicacións ópticas vía satélite-terra e o proxecto educativo INOU, co obxectivo de construír unha estación de seguimento de satélites UHF no Campus de Ourense, respectivamente.

Tecendo redes de colaboración

Ademais da presentación destes proxectos, a delegación da Universidade de Vigo aproveitou o IAC2024 para fortalecer relacións no sector, avanzando en estratexias coa Axencia Espacial Española e outras empresas. Así, o investigador Alejandro Gómez presentou avances en estudios termoelásticos, unha tecnoloxía crítica para o desenvolvemento de estruturas espaciais e destacou a importancia da colaboración público-privada neste ámbito e futuros proxectos en conxunto co IAC (Instituto de Astrofísica de Canarias).

Pola súa banda, Carlos Ulloa e Fermín Navarro representaron a atlanTTic no Simposio Internacional de Drons en Pisa, onde participaron na presentación do libro Applying drones to current societal and industrial challenges, en colaboración co profesor Diego Carou, editor principal da publicación. Este simposio foi unha oportunidade para debate sobre o impacto dos drones e as novas tecnoloxías emerxentes, áreas nas que UVigo está posicionada para ser protagonista nos próximos anos.

O equipo de Uvigo SpaceLab, formado por Guillermo Calvo, Alfredo Ivorra e Pablo Fernández, tamén participou coa presentación do proxecto BIXO, que estuda o crecemento bacteriano no espazo, unha misión innovadora que ten o potencial de achegar coñecemento sobre a vida en condicións extremas.

 

Máis información
Duvi
IAC2024
Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial
UVigo SpaceLab