atlanTTic participa na creación dun repositorio de recursos 3D do patrimonio cultural europeo

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic participa na creación dun repositorio de recursos 3D do patrimonio cultural europeo
Francisco de Arriba Pérez e Silvia García Méndez, investigadores de atlanTTic responsables do proxecto 3DBigDataSpace na UVigo

Imaxe: Francisco de Arriba Pérez e Silvia García Méndez, investigadores de atlanTTic responsables do proxecto na UVigo (Duvi)

atlanTTic participa na creación dun repositorio de recursos 3D do patrimonio cultural europeo

3DBigDataSpace emprega IA e realidade aumentada e facilitará a preservación e acceso aos recursos

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, está a participar no proxecto europeo 3DBigDataSpace, que busca potenciar o acceso, visualización e contextualización de contidos 3D e 4D, a grande escala, sobre o patrimonio cultural europeo.

3DBigDataSpace está liderado pola empresa australiana Time Machine Organisation, a principal organización internacional de cooperación en tecnoloxía, ciencia e patrimonio cultural. Este proxecto pretende crear unha infraestrutura europea aberta para o almacenamento e uso de contido patrimonial. Engadiranse máis de 50 000 modelos 3D e integraranse recursos en plataformas recoñecidas como Europeana e Zenodo. A través de tecnoloxías como a intelixencia artificial (IA) e a realidade aumentada (AR) crearase un ecosistema innovador que permita a agregación, visualización e uso destes recursos por profesionais da investigación, do patrimonio, estudantes e todo o conxunto da sociedade.

Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, investigadores de atlanTTic responsables do proxecto na Universidade de Vigo, sinalan que o obxectivo é ampliar de xeito significativo a cantidade de contidos 3D de alta calidade sobre o patrimonio cultural europeo. Promoveranse a súa agregación desde distintos fornecedores e un sistema de almacenamento estable e a longo prazo a nivel europeo que facilite a preservación e reutilización destes recursos.

O financiamento total do proxecto é de 1,94 millóns de euros, con 972 045,78 € subvencionados pola Unión Europea.

Experiencias inmersivas xeolocalizadas do Camiño de Santiago

Un dos puntos fortes do proxecto será o desenvolvemento dunha experiencia de realidade aumentada enriquecida para o Camiño de Santiago e o Camiño a Roma mediante unha aplicación multiplataforma da que se encargará atlanTTic. Permitirá que os peregrinos accedan ao contido mentres realizan a súa ruta, obtendo así unha mellor experiencia cultural e de maior inmersión.

O equipo investigador deseñará e implementará experiencias 3D e 4D baseadas na localización para así guiar as persoas de peregrinación ao longo das distintas rutas. A experiencia incorporará elementos da realidade aumentada que contextualicen o patrimonio in situ, mellorará a experiencia mediante contido dixital adaptado ao percorrido e fomentará o emprego de tecnoloxías inmersivas en contornas culturais.

Vocación educativa, accesible e participativa

As aplicacións estarán pensadas para funcionar en contornas con baixa conectividade, de xeito que os contidos poidan ser accedidos tamén en zonas rurais. 3DBigDataSpace ten unha firme vocación educativa e de divulgación, e contempla a creación de recursos dixitais para museos, escolas e centros culturais, adaptados a diferentes niveis de aprendizaxe e accesibles para públicos diversos. Prevense actividades como obradoiros, eventos de formación, casos de demostración xunto con toolkits educativos e tecnolóxicos, que permitirán transformar as visitas tradicionais en experiencias participativas, colaborativas e inmersivas.

O proxecto arrancou en febreiro e a súa duración é de 18 meses. Están implicadas universidades, centros de investigación, museos e empresas tecnolóxicas de toda Europa; Alemaña, Países Baixos, Italia, Irlanda, Polonia, Bélxica e España; ademais da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (España). A UVigo participa a través do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) de atlanTTic, cun equipo con ampla experiencia en IA, aprendizaxe automática, procesamento da linguaxe natural e no deseño de aplicacións móbiles accesibles.

Máis información

Duvi

atlanTTic

3dBigDataSpace