atlanTTic pon a proba xunto aos seus socios as últimas tecnoloxías ante emerxencias

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic pon a proba xunto aos seus socios as últimas tecnoloxías ante emerxencias
Dron para emerxencias

Imaxe: Un instante da demostración no exterior da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación  (Duvi)

atlanTTic pon a proba xunto aos seus socios as últimas tecnoloxías ante emerxencias

Na experiencia piloto participaron Optare Solutions, MásOrange e a Policía local de Vigo

atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, e as firmas Optare Solutions e MásOrange levaron a cabo este martes no campus de Vigo unha experiencia piloto dirixida a probar a combinación das tecnoloxías 5G, Edge Computing e intelixencia artificial na xestión de situacións de emerxencia e na busca de persoas desaparecidas.

A proba tivo lugar no aparcadoiro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Contou coa participación da unidade especialista en drons da policía local de Vigo, a Unidade Fénix, e empregouse un dron con cámaras de vixilancia. As súas imaxes eran tratadas en tempo real con intelixencia artificial mediante edge computing, un modelo de computación no que os datos son procesados a pouca distancia da súa orixe, o que proporciona unha menor latencia.

Un sistema sobre redes 5G de custo reducido 

Na presentación da demostración na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Xosé Ramón Sousa, responsable de innovación de Optare Solutions, explicou as vantaxes do sistema, que emprega edgeContinuum, a plataforma de edge computing altamente escalable desenvolvida polo Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic co apoio do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación.

Sousa sinalou que, aínda que os satélites poden ser de axuda nos lumes, estes ofrecen só un punto de vista, fronte á maior versatilidade dos drons. Ademais, esta solución redunda nunha redución de custos, máis aínda para os despregues contra incendios asociados á masa forestal. Tamén son propicios para rebaixar os tempos de detección e alerta, salvar inconvenientes orográficos e outros como as fallas de subministración eléctrica ou destrución doutros recursos a causa do lume.

O dron é quen de transmitir o vídeo capturado na área na que se detecta unha urxencia en tempo real na plataforma edgeContinuum para o seu procesamento. A plataforma analiza as imaxes mediante a aplicación desenvolvida por Optare Solutions cun modelo avanzado de intelixencia artificial que permite detectar, por exemplo,  os posibles incendios forestais. Cos resultados da súa execución,  xéranse tamén alertas, permitindo unha resposta rápida e precisa ante as posibles urxencias.

No caso dos incendios forestais, o sistema de facilita o labor dos servizos de extinción, ofrecendo vídeo en directo para que os corpos de seguridade examinen a zona do incendio e avalíen se é segura antes de acceder á mesma. Para a procura de persoas desaparecidas, o procesamento das imaxes coa intelixencia artificial permite determinar con gran precisión a presenza de persoas nas áreas xeográficas examinadas.

Máis información

Duvi