Imaxe: foto de familia do novo comité asesor cos responsables de atlanTTic (Duvi)
atlanTTic presenta o seu consello asesor
Está integrado por cinco grandes empresas tecnolóxicas
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, celebrou esta mañá na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o acto de presentación do seu novo comité asesor empresarial, chamado Business Advisory Board (BAB). É n novo órgano consultivo orientado a fortalecer o diálogo entre a investigación universitaria e o tecido empresarial. O propósito é aliñar as capacidades científicas do centro cos retos da industria TIC.
Este encontro inicial estaba destinado a definir as prioridades estratéxicas de colaboración entre o centro e as cinco empresas que integran o integran desde este arranque: Fujitsu, Grupo GMV, Grupo Oesía, Indra, Oracle e Telefónica.
A apertura institucional correu a cargo do director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, e o director do Campus Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva, quen aproveitou este acto para pór en valor a figura de atlanTTic como punta de lanza da estratexia tecnolóxica da UVigo e destacar o potencial de iniciativas coma este novo comité asesor, nun contexto xeral de constante achegamento entre ciencia e empresa.
Pola súa parte, Martín Llamas destacou que atlanTTic, un dos 10 centros de excelencia da rede CIGUS, acadou unha masa crítica e un nivel de excelencia e capacidade de tracción que fan necesario continuar estreitando lazos co tecido industrial. Llamas agradeceu a colaboración das entidades participantes neste acto inicial do comité asesor empresarial, personalizando o agradecemento en Enrique Rivero Jiménez, responsable de estratexia de GMV; José Luis Albo López, responsable en Galicia de Indra Group e TeleCom; María Graña Varela e Pascual García Zornoza, directora de Innovación e director xeral da Fundación do grupo Oesía; Jesús Peón López, consultor sénior de Oracle; e Rafael Moya Fernández, director de enxeñaría, transformación de rede e infraestruturas de Telefónica.
Conexión entre coñecemento e tecido produtivo
O subdirector de atlanTTic, Luis Modesto Álvarez Sabucedo, destacou os beneficios mutuos para as empresas e atlanTTic; as primeiras actúan como “faro tecnolóxico” que reforza e guía a posición do centro tecnolóxico. Tamén subliñou a importancia do capital humano e da conexión entre os distintos axentes. Adiantou tamén que a primeira reunión formal deste BAB terá lugar na sede do grupo Oesía, en Porto do Molle, Nigrán.
atlanTTic é xa un centro de referencia que reúne a máis de 200 profesionais da investigación e da innovación tecnolóxica. Está consolidado como un dos motores científicos e tecnolóxicos da Universidade de Vigo. A súa actividade abrangue ámbitos clave para o futuro da economía dixital, como as redes de comunicacións 5G e 6G, os sistemas aeroespaciais e de defensa, as tecnoloxías cuánticas, a fotónica integrada, a ciberseguridade ou os servizos dixitais avanzados, incluíndo saúde dixital.
Neste contexto, o novo Business Advisory Board preséntase como un foro estable de diálogo e asesoramento estratéxico que permitirá aliñar as capacidades científicas do centro cos retos e necesidades da industria.
A primeira dinámica de traballo estivo orientada a construír a axenda estratéxica inicial do Business Advisory Board. A xornada incluíu ademais, un espazo de diálogo entre os membros do novo comité asesor e o persoal investigador de atlanTTic, no que se exploraron posibles liñas de cooperación futura e se presentaron as diferentes capacidades científicas e tecnolóxicas do centro. Este intercambio permitiu identificar oportunidades para o desenvolvemento de proxectos colaborativos, iniciativas de innovación aberta e novas vías de transferencia tecnolóxica.
A vicerreitora de Internacionalización, María Isabel del Pozo Triviño, foi a encargada de pechar a xornada, destacando que este novo consello asesor contribuirá a reforzar o papel de atlanTTic como referente en innovación tecnolóxica e como ponte entre a excelencia científica da Universidade de Vigo e o tecido empresarial.
Máis información



