CES UVigo chega a Mónaco para participar na Energy Boat Challenge

Vigo TecnolóxicoActualidadeCES UVigo chega a Mónaco para participar na Energy Boat Challenge
Parte de estudantes que conforman CES UVigo

CES UVigo chega a Mónaco para participar na Energy Boat Challenge

O trimarán solar Boeiro I, ante a súa primera cita internacional

Hoxe comeza en Mónaco a regata Energy Boat Challenge, na que CES UVigo debuta internacionalmente. A asociación estudantil, que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, competirá co Boeiro I, o primeiro barco solar de Universidade de Vigo. É o único equipo do estado que participa nesta cita, que xunta a 36 equipos de 30 universidades e 25 nacionalidades. Farao na categoría “solar class”.

“É un orgullo poder representar a España e, sobre todo, a Galicia, na competición solar deste ano”, explican desde o equipo, conscientes de que esta cita será clave para a asociación, para dárense a coñecer, que máis xente se una no futuro e para pór de relevo a sustentabilidade no desenvolvemento naval.

Deseñado a medida

Este equipo multidisciplinar de estudantes de distintas enxeñarías do campus vigués leva traballando desde 2022 no seu trimarán, con énfase na creación de sistemas sinxelos de reparar e substituír. Fabrican os seus propios paneis solares empregando células comerciais. Así, puideron maximizar o espazo da cuberta creando desde cero deseños adaptados ao seu barco.

Desprázanse a Mónaco un total de 11 integrantes, catro para transportar o barco por estrada e os restantes en avión. Ademais do propio barco, que conta con seis metros de eslora e dous de manga, o remolque para o transporte tamén foi deseñado a medida, tras desbotar outras opcións.

Inspección dos participantes, exhibición e competición

Os primeiros tres días, do 1 ao 3 de xullo, non haberá competición, senón que están dedicados ás inspeccións dos navíos participantes. Así, o Boeiro I e o resto de participantes deberán superar unha inspección que determine a súa aptitude para competir. Posteriormente, terá lugar unha exhibición dos equipos no club de iates de Mónaco.

Este xoves comezarán as probas competitivas, cunha primeira volta de cualificación consistente en percorrer media milla náutica en liña de recta seguida dunha proba de velocidade dun quilómetro. O venres será a quenda da proba de resistencia, na que se navega por un circuíto de aproximadamente 5,5 quilómetros, o que porá a proba as placas solares e a fiabilidade da súa batería, bautizada como Miudiña 2.

Finalmente, a competición culmina o sábado, día 6, coa proba de slálom, proba que require gran capacidade de pilotaxe e habilidade para manobrar.  As embarcacións que se clasifiquen disputarán a Championship race, unha proba de velocidade.

Haberá diversos premios; entre eles, récord de velocidade, de resistencia ou mellor comunicación en redes sociais. Como novidade, a mellor solución tecnolóxica para a navegación en vela en materia de eficiencia enerxética e redución de carbono obterá 25.000 euros.

Talento forxado nas tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico

CESUVigo está composto na actualidade por unha vintena de alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico. Todo arrancou en 2020 a partir dunha proposta do fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, que contactou coa Universidade de Vigo buscando mozas e mozos dispostos a ‘embarcarse’ no desafío de construír a súa propia embarcación  para participar en regatas internacionais. De aí xurdiu Clean Energy Ship, CES UVigo, composta inicialmente por un grupo de alumnas e alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a quen logo se foron unindo estudantes das outras dúas escolas de enxeñaría do campus: Industrial e Minas e Enerxía.

Neste camiño contaron tamén coa colaboración de numerosos patrocinadores que quixeron apoiar o proxecto; os primeiros, a propia empresa Marine Instruments e a Universidade de Vigo; e, a partir de aí, a Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Consorcio da Zona Franca e Monte Real Club de Yates, entre outros.

 

Máis información

Duvi

Monaco Energy Boat Challenge