CES UVigo prepara o seu regreso á competición

Vigo TecnolóxicoActualidadeCES UVigo prepara o seu regreso á competición
O trimarán solar Boeiro I pilotado por Pablo Saa na competición Monaco Energy Boat Challenge 2024

Imaxe: o Boeiro I pilotado por Pablo Saa na competición MEBC 2024 (Duvi)

CES UVigo prepara o seu regreso á competición

Tras o traballo na maqueta do seu trimarán, é a quenda das melloras na embarcación

Logo dun período centrado no traballo interno, especialmente no desenvolvemento dunha maqueta a escala do seu trimarán solar, o Boeiro I, a asociación de estudantes CES UVigo (Clean Energy Ship) pon o punto de mira en tres retos: a volta á competición, a posta a punto do Boeiro I e o crecemento do equipo.

CES UVigo, asociación que conta co patrocinio do Campus Vigo Tecnolóxico, naceu en 2021 co obxectivo de deseñar e construír embarcacións propulsadas por enerxía solar. Dous anos despois presentaron o Boeiro I, e xa en 2024 conseguiron un dos principais fitos da súa traxectoria: a participación no Monaco Energy Boat Challenge, converténdose no primeiro equipo español en competir na categoría de barcos de propulsión solar deste certame.

Embarcación en constante mellora

Actualmente, CES prepara o seu regreso ao circuíto competitivo cunha embarcación renovada e cunha formación que continúa incorporando integrantes. Nas vindeiras semanas o equipo valorará as distintas opcións para decidir onde e cando volverá competir. Os principais condicionantes: calendario e orzamento.

Namentres, o Boeiro I afronta unha nova posta a punto. Entre as modificacións que experimentará, unha nova distribución das placas solares e novos sistemas para os foils. Estas melloras servirán para preparar a embarcación para a seguinte fase do proxecto, tras toda a experiencia acumulada nos últimos anos.

Unha maqueta que aforra desprazamentos

A maqueta a escala do Boeiro I que ocupou o equipo durante o pasado curso permítelles realizar probas e experimentar co comportamento da embarcación sen ter que asumir todo o traballo e os recursos que implican mover e pór a navegar o trimarán real.

Así, esta peza converteuse nunha ferramenta de experimentación e aprendizaxe para os integrantes de CES UVigo e nunha forma de avanzar no desenvolvemento do proxecto como paso previo á incorporación de melloras á embarcación. Melloras que agora están en camiño; algunha das cales o equipo mantén en segredo.

17 integrantes e posibilidade de incorporacións

Forman CES UVigo 17 membros, procedentes de diferentes ámbitos e titulacións da Universidade de Vigo, se ben a maioría procede das escolas de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico. Hai tamén estudantes de máster e algunhas persoas egresadas que decidiron continuar ligadas ao proxecto unha vez rematados os seus estudos.

A posibilidade de incorporacións está aberta todo ano, aínda que hai períodos nos que a organización intensifica a procura de candidaturas para poder organizar entrevistas e coñecer mellor as persoas interesadas. En todo caso, calquera estudante pode achegarse ao proxecto en calquera momento.

Na actualidade, a dirección do equipo está composta por cinco persoas: presidencia, vicepresidencia, tesourería, secretaría e dirección técnica. Todas participan activamente nos diferentes departamentos, mentres que a dirección técnica se encarga, ademais, de coñecer o traballo que se realiza en cada área e de facilitar a comunicación, tanto entre os diferentes departamentos como coa coordinación.

Máis información

Duvi
CES UVigo