Imaxe: laboratorio de macroprocesamento láser do CINTECX (Duvi)
Cinco proxectos “Proba de concepto” de CINTECX e un de atlanTTic captan máis de 900.000 €
Os grupos de investigación validarán a viabilidade técnica e comercial dos seus resultados
A Universidade de Vigo captou algo menos dun millón de euros na convocatoria “Proba de concepto” da Agencia Estatal de Investigación (AEI), iniciativa que busca facilitar a transferencia de tecnoloxía e a valorización dos resultados da investigación. Fíxoo grazas a seis proxectos, cinco dos cales están promovidos desde CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, e un desde atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación.
A UVigo é a sexta universidade en porcentaxe de éxito nesta convocatoria, e poderá así testar a viabilidade técnica e comercial dos avances desas seis liñas de traballo, principalmente do CINTECX, que van desde a fabricación aditiva de vidros ata a encapsulación de oxidantes, novos antibióticos ou seguridade viaria, ademais de sistemas de detección e xeolocalización ou xestión intelixente de recursos de rede.
A convocatoria está enmarcada no Programa Estatal de Transferencia e Colaboración do Plan Estatal de Investigación 2024-2027, que busca financiar solucións que permitan validar a viabilidade técnica e comercial de descubrimentos previos. Servirían así de ponte entre a investigación desenvolvida nos centros de investigación e a súa aplicación técnica no mercado ou na sociedade.
A Universidade de Vigo presentou 23 proxectos, dos cales foron concedidos os seis aos que se fixo referencia, e que obteñen un total de 923.351 euros de financiamento. A AEI concedeu un total de 183 proxectos por un importe de 29,8 millóns de euros. O 67% deles corresponde a solicitudes presentadas por persoal de investigación adscrito a universidades, 122 delas públicas e unha privada.
Proxectos do CINTECX
bOROMorph está liderado polo investigador Rafael Comesaña, e a axuda que obtén é de 145.200 €. O seu propósito é validar técnica, financeira e comercialmente unha nova tecnoloxía de fabricación aditiva de vidros e cerámicas baseada na deposición de enerxía dirixida por láser, desenvolvida previamente no proxecto glADDmorph, que permitiu crear un prototipo capaz de procesar estes materiais de forma versátil e sen precedentes, superando as limitacións das técnicas actuais.
Hybox busca desenvolver e validar un sistema híbrido de encapsulación de oxidantes para o tratamento sostible de contornas contaminadas con compostos orgánicos persistentes, difíciles de degradar naturalmente e perigosos para a saúde pública e o medio ambiente. Está liderado por Marta Pazos e Ángeles Sanromán, que contarán cunha axuda de 183.920€.
Proofgramicin está baseado na tecnoloxía desenvolvida no marco do proxecto Gramicorn, centrado na produción e extracción a escala piloto de novos antibióticos a partir dunha cepa de Aneurinibacillus aneurinilyticus illada do ‘corn steep liquor’ (CSL). Ana Belén Moldes e José Manuel Cruz coordinan esta iniciativa, que contará cunha axuda de 174.240€. Os traballos previos permitiron descubrir varios homólogos novidosos de Gramicidina S, así como a propia Gramicidina S, producidos con alta reproducibilidade en CSL e en medios sintéticos e publicados en revistas indexadas e congresos internacionais.
RoadCARE está liderado por Joaquín Martínez e Pedro Arias, e a súa axuda é de 205.821 €. A proba de concepto céntrase en mellorar a seguridade do mantemento das estradas, poñendo o foco nas zonas de obras, que son puntos negros responsables do 18% dos falecementos en construción. Propón un sistema intelixente de monitorización que integra drons, conos robóticos autónomos e análise de datos en tempo real para axudar a mellorar a seguridade nestas zonas.
Sense4energy busca desenvolver, validar e iniciar a transferencia dun dispositivo baseado en radar mmWave para a detección anónima de persoas, conteo e xeolocalización en espazos interiores. Isto permitirá estimar en tempo real as cargas internas xeradas polos ocupantes (calor, humidade, CO2) e optimizar sistemas de climatización, ventilación e iluminación en edificios terciarios como hospitais, universidades e oficinas públicas. A proposta está liderada por Enrique Granada e conta cunha axuda de 121.000€
atlanTTic: proxecto VASINet1
O proxecto VASINet1 está liderado por Javier González Castaño e nel participa tamén a Universidad Politécnica de Cartegena. A proposta baséase nos resultados do proxecto AriSe sobre xestión intelixente de recursos de rede, con máis de 50 publicacións internacionais e dúas patentes que avalan o seu éxito, así como contratos industriais por máis de 1 millón de euros. Xéranse dous activos principais de propiedade exclusiva de UVigo e UPCT. Por unha banda, unha solución de xestión intelixente de recursos edge independente da infraestrutura e, por outra, unha solución de xestión intelixente de redes LPWAN con topoloxías mesh, handover intelixente e xestión mediante IA, ambos protexidos por patentes nacionais e internacionais.
Máis información



