Imaxe da edición de 2023. Fonte: Duvi
CINTECX acollerá 150 estudantes de bacharelato na súa V xornada de portas abertas
Percorrerán un itinerario durante o que coñecerán a actividade científica do centro
Mañá venres CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, organiza a quinta edición das súas xornadas de portas abertas. Máis de 150 estudantes de bacharelato tecnolóxico de toda Galicia participarán nun percorrido con 15 actividades articulado en torno á busca dun tesouro. Contarán coa guía de máis dunha vintena de integrantes do persoal científico do centro.
O obxectivo é, xa que logo, que o alumnado participante coñeza de primeira man a actividade investigadora que se está a realizar no centro. Será dun xeito lúdico, seguindo un itinerario de busca do tesouro, durante o que coñecerán ao persoal investigador e desenvolverán as súas actividades científicas durante un día. Fixeron a inscrición cinco centros de ensino secundario de Vigo e de Santiago de Compostela.
As novas vocacións científicas teñen premio
Ángeles Sanromán, directora do CINTECX, afirma que as xornadas de portas abertas serven para que mozos e mozas exploren os camiños da ciencia e a tecnoloxía e descubran como estas ferramentas poden impulsar o futuro de toda a sociedade.
A actividade vén poñendo en valor durante os últimos cinco anos o traballo de máis de 200 persoas investigadoras que traballan en áreas como enerxías renovables, eficiencia enerxética, aproveitamento de recursos naturais, valorización de residuos industriais, desenvolvemento de técnicas de fabricación avanzada e novos materiais, tecnoloxías de propulsión limpas ou intelixencia artificial.
Na quinta edición aumenta tanto o número de participantes como de persoal investigador. Os grupos de estudantes participantes poderán achegarse aos eidos da enxeñaría biomédica ou dos biomateriais e as súas contribucións á sociedade. Poderán ver o uso dos recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais e vivir experiencias prácticas sobre temas relacionados coa xeración de enerxía, reaccións de combustión ou xeradores eléctricos. Ademais, poderán coñecer tamén o procesamento de materiais con láser, a remediación de augas contaminadas, a corrosión, a termografía infravermella, biosurfactantes e novos compostos biodegradables ou a montaxe de maquinaria. Tamén coñecerán que hai no subsolo e descubrirán o funcionamento de escáner 3D coa actividade enxeñería inversa, o banco de probas de motor asíncrono ou o xeorradar.
Ao rematar as rutas, participarán nunha proba onde terán que responder preguntas sobre as actividades realizadas. As persoas gañadoras de cada grupo levarán un tesouro de agasallos en recordo da súa experiencia.
Máis información