CINTECX amplía a dous días as súas xornadas de portas abertas

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX amplía a dous días as súas xornadas de portas abertas
Xornada de portas abertas do CINTECX 2024

Imaxe: un instante da xornada de portas abertas do CINTECX de 2024 (Duvi)

CINTECX amplía a dous días as súas xornadas de portas abertas

Por primeira vez incluirán actividades para o público xeral

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, CINTECX, amplía este ano a dous días as súas xornadas de portas abertas. Serán os días 16 e 17 de outubro, previa inscrición ata o venres 10. O que non varía é o seu propósito: achegar á sociedade a ciencia e a innovación que se levan a cabo neste centro.

Estas dúas xornadas contarán coa participación dunha vintena de investigadoras e investigadores que amosarán o seu traballo en áreas punteiras como as enerxías renovables, o aproveitamento de recursos naturais, a fabricación avanzada, as tecnoloxías de propulsión limpas e a intelixencia artificial.

O comezo será o xoves 16 á tarde, cunha vista ideada para o público xeral. A do venres, como en edicións anteriores, será unha xornada destinada ao alumnado de secundaria e de Bacharelato. Participarán nela uns douscentos alumnas e alumnos de centros educativos de Vigo, Redondela e Santiago de Compostela. Seguirán un itinerario en formato “busca do tesouro” grazas ao cal percorrerán as instalacións ao mesmo tempo que irán descubrindo de forma interactiva distintas experiencias científicas.

Implicación dos grupos de investigación

Entre as actividades, as persoas que se acheguen a CINTECX poderán explorar o fenómeno da corrosión da man das investigadoras do grupo Encomat (Enxeñaría da Corrosión e Materiais). Deseñaron unha experiencia baseada en reaccións electroquímicas para visualizar procesos anódicos e catódicos e clasificar metais segundo o seu potencial.

Outra proposta será a montaxe de maquinaria. Nela integrantes do grupo DSN (Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica) explicarán o funcionamento dunha serra de calar manual a través dun modelo 3D. As persoas visitantes poderán ensamblar unha máquina real e comprobar o encaixe dos seus compoñentes.

O grupo GTE  (Tecnoloxía Enerxética) coordinará a actividade titulada Dracarys, que introducirá as persoas participantes no concepto de combustión mediante un experimento de propagación de chama,  o que servirá para explicar os distintos tipos de chama e a enerxía de activación.

GTE coordina tamén unha actividade sobre termografía infravermella. Servirá para explicar o impacto desta tecnoloxía na eficiencia enerxética e mostrar exemplos prácticos coa cámara termográfica. E tamén se encarga da actividade de cámara de alta velocidade, que minora a realidade e fai así posible observar detalles imperceptibles ao ollo humano.

Os procesos de remediación de augas contaminadas abordaranse cunha experiencia guiada polas investigadoras do grupo Biosuv (Bioenxeñaría e Procesos Sostibles), centrada en técnicas como a absorción, aplicadas a efluentes con colorantes. Pola súa banda, integrantes do grupo CIMA introducirán aos estudantes na enxeñaría inversa mediante o uso de escáneres 3D.

Persoal investigador do grupo Gessmin (Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais) presentará aplicacións de visión artificial aplicada á minería, e o grupo Geotech (Xeotecnoloxías Aplicadas) amosará como a realidade aumentada pode transformar a forma en que se visualiza e comprende o territorio.

A divulgación do coñecemento é unha das liñas estratéxicas de CINTECX, que cada ano impulsa un programa de actividades para fomentar o interese pola ciencia, a tecnoloxía e a innovación. As xornadas contan con financiamento da Xunta de Galicia e tamén con achegas dos Fondos Europeos FEDER.

Máis información

Duvi

CINTECX

Formulario de inscrición