CINTECX celebrou o Día Internacional da Muller en Enxeñaría reclamando solucións á fenda de xénero
Propúxose actuar desde as etapas temperás e centrar a atención no rol dos homes
O pasado 23 de xuño, coincidindo co Día Internacional da Muller na Enxeñaría, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) do Campus Vigo Tecnolóxico celebrou a xornada “Por que faltan mulleres na enxeñaría?”. Este encontro reuniu expertas e expertos dos ámbitos académico, industrial e da igualdade para tratar as causas e posibles solucións á escasa presenza feminina neste ámbito profesional.
Remarcouse especialmente a necesidade de actuar desde as etapas temperás para traballar nas diferenzas de percepción das capacidades entre nenos e nenas, especialmente en disciplinas como matemáticas e ciencias. Tamén en pór o foco nos homes para que se impliquen activamente no cambio, asumindo a súa responsabilidade na transformación cultural. E en traballar unha comunicación efectiva, empregando canles como as redes sociais para difundir mensaxes claras, directas e con referentes próximos como medio para achegar a enxeñaría ás mozas.
Entre as preocupacións, púxose de relevo a resistencia ao cambio, identificando reticencias ás actuais políticas de igualdade. Cómpre, pois, traballo para que non se revertan os avances acadados.
Estancamento en enxeñarías
A catedrática Ángeles Sanromán Braga, directora do propio CINTECX, abriu a xornada salientando a importancia de abrir espazos de diálogo que impulsen o cambio cara unha enxeñaría máis inclusiva.
Tras ela interveu Marta Macho Stadler, profesora da Universidade do País Vasco e recoñecida divulgadora científica. Participou de forma telemática coa charla “Mulleres na enxeñaría, misión imposible?”. No seu transcurso tratou os estereotipos de xénero que persisten no ámbito científico-técnico e como inflúen na elección de estudos e carreiras profesionais. Falou do estancamento de matrícula feminina en carreiras de enxeñaría industrial. Tamén de que as nenas comezan a considerarse menos brillantes ca os nenos desde os seis anos, o que condiciona as súas decisións académicas, segundo un estudo publicado recentemente en Nature.
Seguidamente, Marta Fernández Docampo, xestora de proxectos en Gestamp Vigo e representante do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), participou na charla co relatorio “Destino ambicioso, pasos firmes: a folla de ruta cara ao cambio”, no que compartiu a súa experiencia persoal nun sector altamente masculinizado. Ao longo da súa traxectoria, relatou, tivo que demostrar constantemente a súa valía técnica, algo que aos seus compañeiros homes se lles presupón. Fernández insistiu na importancia de empregar canles como as redes sociais para achegar a enxeñaría ás mozas, con mensaxes directas e referentes próximos.
Mesa redonda
Mariola Norte Navarro, técnica de comunicación e enlace de igualdade do CINTECX, foi a encargada de moderar a mesa redonda posterior. Eduardo Suárez Porto, investigador do centro, destacou datos de diversos estudos que reflicten como as mulleres adoitan necesitar máis información e validación externa para decidirse por carreiras técnicas, e que perciben a enxeñaría como especialmente difícil. Tamén alertou sobre unha crecente resistencia ás políticas de igualdade.
Yolanda Rodríguez Castro, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, insistiu en que as diferenzas de xénero son impostas desde o nacemento, motivo polo que é fundamental intervir desde idades temperás. Marta Macho propuxo un cambio de enfoque consistente en deixar de dicir ás rapazas o que deben facer para pasar a centrarse nos rapaces, nos que tamén está o cambio. Marta Fernández subliñou a importancia de non permitir retrocesos nos avances acadados e de facilitar que se escoite a voz das mulleres. Ángeles Sanromán pechou a mesa poñendo de manifesto a necesidade de transformar a sociedade desde a base, comezando por un reparto equitativo das tarefas no ámbito familiar.
Máis información